Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Trinta anos (máis) de confesionalismo

Written By Virgulino on 22/2/09 | 14:26


Paco Miñarro,Coordinador da Federación Internacional de Ateos.

A decisión por parte dun xulgado de Valladolid de retirar o crucifixo dunha escola pública volveu a demostrar a influencia do clericalismo no espazo público. Dous aspectos da sentenza parecéronnos interesantes. Primeiro, a desestimación do recurso de alzada do Consello Escolar, que trataba de desvincular o crucifixo do seu significado relixioso, alegando connotacións inherentes ao “acervo cultural e social do noso país”.

Segundo, a distinción entre proselitismo “lícito” e “ilícito”, de acordo con varias resolucións do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, en especial coa sentenza da Xustiza de Grecia do 25 de maio de 1993, que fala especificamente de “presión sobre persoas en situación de debilidade" en referencia ao proselitismo abusivo das igrexas. O primeiro punto xa propón unha interpretación do laicismo afastada do que algúns teóricos católicos, sobre todo franceses e italianos, definiron como “laicismo inclusivo”. Este pretende, na liña da estrategia desenvolvida pola Conferencia Episcopal Española, a identificación do crucifixo cunha “herdanza cultural e filosófica” europea, chegando a definilo, en verbas do seu Secretario Xeral, Martínez Camiño, “un símbolo da separación entre as igrexas e o Estado”.

Afortunadamente, a corrente laicista maioritaria en España tende cara a unha versión francesa da laicidade, moito máis clara nos aspectos concretos que definen a neutralidade absoluta das institucións públicas fronte ao feito relixioso. O segundo punto que sinalabamos, a distinción entre proselitismo lícito e ilícito, ten que ver con unha correcta aplicación do artigo 16 da Constitución. Que ningunha confesión teña carácter estatal significa que o Estado non pode adherirse ou prestar o seu respaldo a ningunha confesión, e que non pode provocar que unha parte da cidadanía se sinta máis ou menos discriminada por motivos relixiosos.

Entendemos que a sentenza de Valladolid ha de servir de punto de partida para un proceso de desclericalización da sociedade española. Abundan aínda os símbolos confesionais nos edificios públicos, produto dunha tradición histórica e sociológica ligada á época do nacional catolicismo. E mantense a vixencia dos Acordos preconstitucionais entre o Estado español e O Vaticano, un obstáculo difícil de superar e ante cuxa hipotética derrogación presentarían sen dúbida unha dura resistencia os bispos.

O illamento progresivo da curia con respecto á realidade social española é tema ben coñecido, e quizá por iso seguen insistindo nunha liña dura doutrinal e mediática, en plena sintonía co carácter teocrático da Igrexa de Roma. Haberá que estar moi atentos no futuro ás liñas de acción que levará a cabo a igrexa española, que con seguridade estarán máis ligadas á periferia dos movementos católicos conservadores que a unha política institucional directa.

A dereita política, pola súa banda, cumpre o seu habitual papel de defensora da tradición católica, pois neste país parece imposible outra concepción do liberalismo que non estea aliada coa “caverna”. Compréndese sen grandes dificultades que a súa mensaxe se mimetice co do alto clero.

En canto ao PSOE, fai xa moito tempo que demostrou seguir mantendo un temor reverencial ante a curia, engalanado en ocasionais puntuais con certas e dubidosas aparencias de enfrontamento. O laicismo non forma parte dos intereses do partido de Goberno, se cadra por estratexia electoral, se cadra por evitar unha difícil situación dentro do armazón económico que soporta ao sistema. Pero existe unha corrente maioritaria no aparello do Partido Socialista que é proclive ao mencionado “laicismo inclusivo”, aberto á colaboración coas diversas igrexas e plataformas relixiosas, o cal por outra banda non é nada.

Este multiconfesionalismo segundo o modelo inglés, cara ao que quere dirixirse a familia cristiá socialista, non tardará en mostrar as súas deficiencias. Por iso é fundamental o papel que as diversas organizacións cidadás poidan desenvolver coas súas propias ferramentas e no seu propio ámbito, en especial nos terreos da educación e da opinión pública.

A Constitución, sendo un marco admitido de convivencia, posúe con todo notables deficiencias. Unha clarificación que debería abordarse con urxencia consistiría na plena identificación entre Estado aconfesional e Estado laico, diferencia que é habilmente utilizada por aqueles que seguen pensando na persistencia dunha España masivamente católica, en xeonllos diante do crucifixo e encadeada a un pasado glorioso. Trinta anos de falso aconfesionalismo non favoreceron o proxecto democrático e de autonomía cidadá iniciado no 78 ao que moitos aspiraban. Manterse no mesmo erro provocaría, sen dúbida, unha situación crítica insostible.

0 comentarios:

Publicar un comentario