Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Protección de Datos está a estudar as responsabilidades e posibles sancións no caso das cámaras ilegais da rotonda do Che en Oleiros

Written By Virgulino on 3/2/09 | 11:13

A Axencia Española de Protección de Datos informou de que está a realizar actuacións previas de inspección no caso das cámaras instaladas ilegalmente na estatua do Che en Oleiros. A Axencia estuda os feitos, denunciados no seu momento polo Movemento polos Dereitos Civís, para determinar os responsables dos mesmos e as posibles sancións que deles se puidesen derivar. Esta información vai en consonancia coa recente decisión da Delegación de denegar a autorización para os dispositivos, solicitada con evidente atraso polo Concello.

Precisamente o Concello faría ben en desculparse pola súas actuacións irregulares, reiteradas e irrespectuosas cos dereitos fundamentais dos seus veciños, e en prepararse para facer fronte a unha máis que previsible sanción por parte da AEPD. En cambio, insisten en que se presentou toda a documentación necesaria e en que a Delegación reconsiderará a súa decisión e concederá o permiso para as cámaras. O Movemento ignora que tipo de documentos puido presentar o Concello para defender unhas cámaras carentes de autorización, conectadas a unha vivenda particular, non sinalizadas e que, en fin, incumpren sistematicamente todas as garantías esixidas pola Lei.

O caso comezara a raíz da denuncia presentada polo Movemento polos Dereitos Civís, en xullo do pasado ano, por mor da presenza de dúas cámaras instaladas para vixiar a estatua do Che en Oleiros. Estas non contaban coa autorización da Delegación do Goberno nin foran inscritas no Rexistro Xeral de Protección de Datos. A súa colocación non respectaba xa que logo as garantías mínimas dos dereitos á intimidade e á propia imaxe previstas pola Lei Orgánica 1997/4, que regula a instalación de vídeo-vixilancia. A Lei especifica que só as Forzas e Corpos de Seguridade poden empregar estes dispositivos, previa autorización da Delegación do Goberno e sempre que se conte co informe favorable da Comisión de Garantías.

A raíz da denuncia do caso por parte do Movemento polos Dereitos Civís, a corporación municipal viuse na obriga de desconectar nun primeiro momento os dispositivos. Sen embargo, ás poucas semanas o Concello colocaba dúas novas cámaras no mesmo lugar sen contar tampouco coa debida autorización. O Movemento polos Dereitos Civís está convencido de que a AEPD sancionará este comportamento errático do goberno municipal, que causou xa danos irreparables ó dereito á intimidade dos veciños de Oleiros.

0 comentarios:

Publicar un comentario