Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento solicita seis anos de suspensión para o secretario xudicial que perdeu o expediente da demanda a Paco Vázquez

Written By Virgulino on 2/2/09 | 11:31

O Movemento polos Dereitos Civís ven de presentar unha queixa perante o Consello Xeral do Poder Xudicial polo extravío nun xulgado de A Coruña do expediente dun caso. Trátase da demanda interposta no seu momento pola asociación contra Paco Vázquez a raíz do cambio do topónimo oficial do municipio. O xulgado deixou pasar dous anos sen informar ó Movemento da perda do expediente, que soubo dos feitos grazas a unha queixa presentada perante o Valedor. O Movemento solicita agora unha sanción de seis anos de suspensión para o secretario do Xulgado de Instrución nº 5 de A Coruña, que era o encargado de custodiar os documentos.

O Movemento polos Dereitos Civís presentara unha denuncia no ano 2005 contra Paco Vázquez, a causa da decisión do ex alcalde de cambiar o topónimo oficial do municipio polo de La Coruña. O xulgado acordou nun primeiro momento o sobresemento provisional e arquivo da causa, pero aceptou, en xaneiro de 2006, o recurso presentado pola asociación. En novembro dese mesmo ano, o Movemento volveuse dirixir ao xulgado coruñés para interesarse pola resolución do recurso, mais xa non recibiu máis informacións sobre o estado do expediente.

Pasados dous anos, o Movemento presentou unha queixa perante o Valedor do Pobo pola demora inxustificable do proceso. Só entón tivo coñecemento a asociación de que o Xulgado de Instrución nº 5 de A Coruña extraviara por completo o expediente. O acontecido resulta naturalmente intolerable, non só pola gravidade que ten de por si o extravío dun expediente xudicial, senón tamén polo feito de que unha das partes interesadas no proceso non fora informada de esta perda.

Así, o MpDC ve de presentar unha queixa formal perante o Consello do Poder Xudicial, órgano que exerce a inspección de xulgados e tribunais. Segundo o Regulamento Orgánico del Corpo de Secretarios Xudiciais, considerase falta moi grave a neglixencia na custodia dos documentos dos que son responsables. O Movemento, de acordo co estipulado no Regulamento, solicita unha sanción de seis anos de suspensión de emprego e soldo para o secretario do Xulgado de Instrución nº 5 de A Coruña. Tolerar feitos coma os acontecidos sen que existan sancións ó respecto só contribuiría a aumentar o actual descrédito do sistema xudicial.

0 comentarios:

Publicar un comentario