Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento presenta unha demanda polas cámaras de El Correo Gallego

Written By Virgulino on 16/2/09 | 13:06

O Movemento polos Dereitos Civís presentou unha demanda contenciosa administrativa contra a a Delegación do Goberno no caso das cámaras de El Correo Gallego. A Delegación ignorou as denuncias e peticións de informacións enviadas polo colectivo a raíz da publicación de imaxes captadas polas cámaras que o diario ten instaladas na súa sede en Santiago de Compostela. Aduce a Delegación que se trata de dispositivos de vixilancia privados, e que polo tanto non necesitan a autorización da propia Delegación. Sen embargo, a Lei é moi clara ó respecto, e posto que as imaxes publicadas demostran que se está a gravar na vía pública é aplicable o disposto na Lei Orgánica 4/1997 segundo a cal só as Forzas de Seguridade poden colocar cámaras no espazo público.

O Movemento interesouse neste caso a partir da publicación na edición impresa e dixital de El Correo Gallego dunha noticia acompañada de fotografías. Ditas imaxes amosaban a unha muller perfectamente identificable mentres danaba presuntamente os vehículos aparcados na rúa. As mesmas foran captadas por cámaras instaladas por unha empresa privada na sede do xornal. A función destes dispositivos é garantir a seguridade do edificio, gravando o que sucede á entrada e no seu interior. Non obstante, a muller que aparecía nas fotografías publicadas transitaba afastada da sede do xornal, nunha rúa adxacente.

A Lei Orgánica de Protección de Datos é moi clara no que se refire á instalación de cámaras de seguridade. Nos espazos privados pódenas colocar empresas autorizadas para tal fin, inscribindo os ficheiros coas imaxes obtidas nun rexistro oficial e informando sobre a custodia e acceso a ditas imaxes.

Cámaras en espazos públicos

Mentres, nos espazos públicos só as Forzas e Corpos de Seguridade poden instalar dispositivos de vídeo-vixilancia, e sempre que existan unhas condicións que xustifiquen o emprego proporcionado destes medios. Ademais, as cámaras teñen que respectar unha serie de garantías que protexen o dereito á intimidade das persoas gravadas: contar coa autorización da Delegación do Goberno, coa aprobación da Comisión de Garantías de Vídeovixiancia e inscribir os ficheiros no Rexistro Xeral de Protección de Datos.

No momento no que, como demostran as imaxes publicadas, as cámara de El Correo Gallego están a gravar a vía pública, o MpDC esixirá nos xulgados que respecten todas as garantías previstas pola Lei. O Movemento espera que a Xustiza solicite ós interesados que presenten a documentación que autoriza o emprego de vídeo-vixilancia na rúas de Compostela, e que de non existir esta autorización ordene a retirada das cámaras.

Difusión de imaxes, ética profesiona, dereitos fundamentais


Asunto aparte é a difusión pública das imaxes obtidas polas cámaras, sen procurar nin sequera ocultar a identidade da persoa que aparece nas mesmas. Atopámonos nun caso de evidente vulneración dos dereitos fundamentais á intimidade, á propia imaxe e á honra. Cómpre salientar que a Axencia Española de Protección de Datos está estudando actualmente a denuncia presentada polo Movemento polos Dereitos Civís en relación co caso. A asociación sorpréndese tamén pola inexistencia dunha toma de posición por parte do Colexio de Xornalistas de Galicia, perante un caso tan grave de vulneración dos principios éticos e legais que deberían rexer o traballo da profesión.

0 comentarios:

Publicar un comentario