Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento expresa a súa solidariedade cos activistas condenados por queimar unha imaxe do Rei

Written By Virgulino on 25/2/09 | 11:37

Nestes días fíxose pública a sentenza da Audiencia Nacional no caso dos independentistas galegos acusados de queimar unha imaxe do Rei. O xuíz José María Vázquez Honrubia sancionou finalmente a Alejandro Bolívar e Santiago Méndez con multas de 2700 e 1800 euros, respectivamente. Dende un primeiro momento o Movemento amosou a súa disconformidade con este proceso, e quere transmitir agora a súa solidariedade cos dous activistas políticos.

A asociación considera que sentezas coma esta supoñen unha restrición intolerable do dereito á liberdade de expresión. A existencia dunha institución pública intocable e sobre a cal os cidadáns non poden manifestar as súas críticas é dificilmente compatible cun sistema democrático. A queima de imaxes do Rei debe ser entendida precisamente coma un acto simbólico de crítica ideolóxica cara esta institución.

De feito, varios maxistrados da Sala do Penal da Audiencia Nacional manifestaron nun caso moi similar que estas acción están amparadas polos dereitos á liberdade de expresión e á liberdade ideolóxica. Así, no xuízo a Jaume Roura e Enric Stern pola queima de fotografías do monarca, ata cinco xuíces emitiron un voto particular no que rexeitaban a posibilidade de sancionar ós acusados.

Se cadra a Xustiza debería adicar menos tempo a perseguir ás persoas que exercen os seus dereitos fundamentais, e máis en cambio a defender estes mesmos dereitos das accións intrusivas da propia administración. O Movemento será sempre o primeiro en defender a necesidade de dotar con maiores medios ós xulgados, mais tamén en esixir que estes adiquen os seus esforzos a causas verdadeiramente importantes.

0 comentarios:

Publicar un comentario