Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento denuncia de novo á Delegación do Goberno, que segue decida a amparar os comportamentos ilegais das administracións locais

Written By Virgulino on 17/2/09 | 12:44

O Movemento polos Dereitos Civís ven de presentar unha demanda contencioso administrativa contra a Delegación do Goberno polo caso das cámaras de vídeo-vixilancia instaladas no colexio Rosalía de Castro de O Grove. O Movemento considera pouco convincentes as explicacións facilitadas pola administración, e solicitará a retirada das cámaras.

O único argumento aportado polos responsables municipais e pola Delegación para xustificar a instalación e emprego irregular destes dispositivos nun lugar particularmente sensible coma un colexio, é que se trata dunha video-vixilancia realizada por particulares coa intención de evitar danos nunha propiedade privada. Con este argumento, o mesmo utilizado no caso das cámaras da Casa da Cultura da mesma vila, tratan de impedir a aplicación das garantías previstas pola Lei 4/1997 para a instalación de cámaras nos espazos públicos. Agora, se a instalación por parte dunha administración local de cámaras no exterior de edificios de uso público para gravar a vía pública non se considera emprego da vídeo-vixilancia pública, atopámonos perante un caso de extraordinaria esquizofrenia legal.

É absolutamente evidente que neste caso debe ser aplicada a Lei 4/1997, que regula o emprego da vídeo-vixilancia en espazos públicos e reserva ó seu uso ás Forzas e Corpos de Seguridade. A Lei establece ademais unha serie de garantías, coa finalidade de protexer o dereito á intimidade e á propia imaxe das persoas: a obrigatoriedade de contar cunha autorización da Delegación, coa aprobación da Comisión de Garantías, cun informe policial que xustifique a idoneidade e proporcionalidade do uso das cámaras, etc. Ningunha destas garantías son respectadas polas cámaras do colexio Rosalía de Castro de O Grove, e por esta razón o MpDC solicitará o Xulgado que ordene a súa retirada e obrigue ó Concello a iniciar correctamente os trámites legais.

A indignante actitude da Delegación

A asociación manifestou unha profunda indignación perante o comportamento da Delegación do Goberno, que por enésima vez tolera, xustifica e ampara comportamentos irregulares cando non declaradamente ilegais por parte doutras administracións. A Delegación olvidou fai tempo que o seu deber é respectar a lexislación vixente e velar polos dereitos dos cidadáns, non tutelar as vulneracións da Lei cometidas por outras administracións. Sistematicamente a Delegación está a conceder autorizacións que legalizan a posteriori instalacións irregulares de vídeo-vixilancia, está aprobando outras nas que non se cumpren as garantías previstas pola Lei e está eludindo en fin as súas responsabilidades en casos coma este.

O Movemento valora as iniciativas a tomar perante esta actitude xeneralizada por parte da Delegación do Goberno. A asociación considera demostrado que non se trata de decisións puntuais sobre casos concretos, senón dunha programática e consciente vontade de tolerara e amparar vulneracións dos dereitos fundamentais dos cidadáns por parte da propia administración.

0 comentarios:

Publicar un comentario