Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento demanda á Delegación do Goberno polas cámaras da estación de autobuses de A Coruña

Written By Virgulino on 10/2/09 | 14:56

O Movemento polos Dereitos Civís presentou unha demanda contencioso administrativa contra a Delegación do Goberno, no caso das cámaras de vídeo-vixilancia instaladas de xeito presumiblemente ilegal na estación de autobuses de A Coruña. A Delegación ignorou repetidamente as peticións de información da asociación sobre a concesión e renovación do permiso para instalar os dispositivos. Perante este silencio administrativo o MpDC viuse na obriga de recorrer á Xustiza. Semella evidente que tanto o Concello de A Coruña como a Delegación incumpriron de forma voluntaria e reiterada coa normativa que regula a instalación de vídeo-vixilancia en espazos públicos; por iso, o Movemento solicitou ó Xulgado a retirada inmediata das cámaras da estación de autobuses.

A asociación interesouse polo desenvolvemento do caso a raíz da publicación nos medios de comunicación da intención do Concello e a Policía Local de instalar un circuíto de vídeo-vixilancia na estación de autobuses da cidade. O Movemento seguiu con atención os feitos, dadas as implicacións que supón para cos dereitos fundamentais dos cidadáns o uso de cámaras nun espazo público. Así, dirixiu escritos ás institucións interesadas informándose sobre o cumprimentos dos trámites e garantías previstos pola Lei Orgánica 4/1997.

O resultado destas investigacións foi a constatación de que o Concello solicitara a autorización para as cámaras a posteriori da súa instalación. Non por habitual resulta menos grave o feito de que a Delegación do Goberno concedese de feito o permiso, coñecendo as circunstancias, a irregularidade que supuñan e a conseguinte vulneración dos dereitos dos cidadáns. Esta autorización, irregular por si mesma, permitía ó Concello e emprego das cámaras durante o ano, ó cabo do cal debía solicitar a renovación da devandita autorización.

Renovación da autorización

A comezos do ano 2008 o Movemento polos Dereitos Civís dirixiu un escrito á Delegación do Goberno, preguntando se o Concello presentara a documentación necesaria para solicitar a renovación do permiso. O Concello tiña que xustificar con informes policiais e a aprobación da Comisión de Garantías de Videovixiancia de Galicia a idoneidade e necesidade do uso das cámaras. A Delegación limitouse a contestar ó MpDC que as cámaras “tiñan a autorización en regra”, sen facilitar ningún dos documentos solicitados.

Ante a pasividade coa que acolleu a administración as sucesivas peticións e escritos do Movemento sobre o caso, a asociación viuse na obriga de presentar unha demanda contencioso administrativa contra a Delegación. O Movemento solicita ó Xulgado que se proceda coa retirada inmediata das cámaras, perante as evidentes irregularidades cometidas polo Concello e ola Delegación. A asociación manifesta ademais a súa preocupación polo enésimo caso de comportamento irregular e falta de transparencia das administracións públicas, que deberan ser as primeiras en evitar a lesión dos dereitos fundamentais dos cidadáns.

0 comentarios:

Publicar un comentario