Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento continúa coa sua batalla xudicial para conseguir a retirada das cámaras do casco vello de Compostela

Written By Virgulino on 23/2/09 | 13:21

Sánchez Bugallo quere manter a vídeovixilancia a pesar da sentenza

A Delegación do Goberno e os responsables de Seguridade Cidadá do Concello de Santiago seguen empeñados en manter nas rúas as cámaras de vixilancia, ignorando as sucesivas resolucións xudiciais. O Movemento viuse de novo obrigado a recorrer nos xulgados a renovación por parte da Delegación dunha autorización que a Xustiza considerou irregular. Ademais, a concellaría de Seguridade Cidadá presentou un recurso co que intenta paralizar a retirada provisional das cámaras e no que insiste en solicitar unha absurda caución de 600,000 euros ó Movemento.

Dificilmente sostibles son os argumentos presentados polos responsables do Concello no seu recurso contra a orde xudicial de execución provisional da sentenza de retirada das cámaras. O recurso sostén que ditas cámaras contan na actualidade cunha autorización administrativa concedida a posteriori dos feitos que levaron á Xustiza a ordenar a retirada das mesmas. Segundo os responsables de Seguridade Cidadá isto conlevaría a “inexecutabilidade” da sentenza en cuestión e, xa postos a pedir, da orde de execución provisional da mesma.

Quere ignorar a Concellaría que todas as autorizacións e renovacións que puidese conceder a posteriori a Delegación do Goberno non eliminan o feito de que a instalación orixinal das cámaras se realizou segundo a Xustiza de maneira irregular. Non se trata dunha irregularidade simplemente formal, posto que o incumprimento dos trámites e garantías previstos pola Lei implicou unha serie de vulneracións dos dereitos fundamentais dos veciños e veciñas.

O Movemento considera, e así o sinalou de feito a resolución xudicial, que a corrección posterior das irregularidades na autorización e instalación das cámaras non exime ó Concello da retirada das mesmas, nin de ter que iniciar de novo e dende o comezo os trámites legais para o emprego da vídeo-vixilancia. O Concello argumenta no seu recurso que a retirada provisional das cámaras suporía un prexuízo “irreparable” para a seguridade cidadá, afirmación de por si moi discutible, mais non se detén a considerar o irreparable das lesión que produciron estas cámaras ilegais no dereito á intimidade das persoas.

Pola súa banda, a Delegación do Goberno segue apoiando e fomentando coa súa xa habitual actitude as pretensións da Concellaría de Seguridade Cidadá de Compostela. Recentemente a Delegación concedeu a renovación da autorización coa que contan actualmente as cámaras do casco vello, desprezando o feito de que a Xustiza considerase ilegal a presenza e o emprego deses dispositivos. O MpDC presentou unha demanda contencioso-administrativa contra esta decisión da Delegación. A asociación continuará pelexando en sede xudicial por conseguir a retirada dunha serie de cámaras instaladas de forma irregular, e que están a lesionar por tanto os dereitos dos santiagueses.

0 comentarios:

Publicar un comentario