Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Delegación intenta afogar con sancións arbitrarias e restriccións de dereitos a voz da plataforma Salva o Tren

Written By Virgulino on 24/2/09 | 14:52

O Movemento polos Dereitos Civís quere denunciar a campaña de acoso á que está sendo sometida por parte da Delegación do Goberno a plataforma cidadá Salva o Tren. Esta ven de dar a coñecer as últimas sancións, arbitrarias, inxustificadas e inxustas, que lles foron impostas a varios dos seus responsables pola suposta convocatoria dunha concentración. Salva o Tren denuncia que o obxectivo destas reiteradas sancións e da represión dos dereitos fundamentais dos seus membros é o afogar económicamente á plataforma, para así silenciar a súa voz.

Fernando Gómez, o coordinador de Salva o Tren, presentou onte na Subdelegación do Goberno en Pontevedra un recurso de alzada perante o Ministerio do Interior contra a sanción de 500 euros que lle foi imposta. Este era o único recurso que lle restaba o responsable do colectivo, xa que a sanción lle foi comunicada con un retraso que impediu presentar os correspondentes recursos. Xa só este dato é indicativo das irregularidades existentes nos procesos sancionadores contra a plataforma.

Fernando Gómez foi multado, ó igual que a súa compañeira Lucía Latorre, pola suposta convocatoria dunha concentración a carón da vía férrea, á altura de Portas, no pasado mes de outubro. Sen embargo, tal e como denunciou a asociación, non existe proba algunha de que fosen eles quenes convocasen a manifestación; de feito, foi en realidade un coñecido programa de televisión o que reuniu ós veciños para a gravación dunha reportaxe.

Así mesmo, e dado que a Garda Civil non procedeu á identificación de ningún dos participantes, resultaría interesante saber como determinou a Delegación a responsabilidade na convocatoria da concentración. Ademais, e en calquera caso, dado o número de persoas reunidas e a ausencia de incidentes violentos, non existe motivo algún que xustifique a imposición destas sancións arbitrarias.

O Movemento polos Dereitos Civís quere denunciar xa que logo que nos atopamos ante un evidente intento de coartar os dereitos fundamentais de reunión, asociación e liberdade de expresión. Cómpre recordar que só é necesario informar á Delegación da convocatoria dunha concentración no caso de que se congreguen máis de vinte persoas, circunstancia que non se daba neste caso. Dadas ademais as características pacíficas da reunión, o único obxectivo das sancións parece ser o afogamento económico da Plataforma e a súa neutralización coma axente de mobilización social.

O Movemento pregúntase por que a Delegación non amosa sempre o mesmo grado de celeridade e aplicación á hora de, supostamente, facer cumplir as leis. Sería importante dilucidar se reprimir a concentración pacífica duns veciños é máis importante que obrigar ó resto de administracións a cumprir coa Lei, ou se uns simples cidadáns que se reúnen deben ser sancionados mentres o grupo de alcaldes que literalmente tomou por asalto o Parlamento ó inicio da lexislatura non recibiu por suposto multa algunha.

0 comentarios:

Publicar un comentario