Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

"Quero convertir á Xunta nunha administración transparente, un Goberno con paredes de cristal"

Written By Virgulino on 21/2/09 | 12:08

O Movemento quixo comprobar de cara ás eleccións ó Parlamento os proxectos dos principais partidos políticos. Despois de termos publicado a entrevista íntegra con Ana Pontón, membro da executiva do BNG, ofrecemos a entrevista con Nuñez Feijoó, líder do PPdeG. Recordamos que os responsables do PSdG declinaron a invitación a participar nestas conversas.

O recente informe do Comité de Dereitos Humanos da ONU, un organismo pouco sospeitoso de extremismos ou alarmismos infundados, alertaba sobre as moitas lesións que existen aínda no Estado español dos dereitos fundamentais á integridade física, á dignidade humana, á intimidade ou á igualdade perante a Xustiza. Como valoran a situación global dos dereitos e liberdades civís en Galicia? Cales son as principais propostas que incorpora o seu programa electoral nestes ámbitos?
Se entendemos os dereitos civís como os que amparan aos cidadáns fronte á actuación das Administracións e os diferentes poderes que conforman o Estado, teño que dicir que a situación non é boiante.
Non é boiante en materia de participación democrática, como o demostra o pisoteo dos dereitos dos deputados no Parlamento de Galicia durante a lexislatura que ven de rematar, o boicot á iniciativa lexislativa popular impulsada pola Federación Veciñal de Vigo ou a conculcación de dereitos básicos, como o acceso á sanidade pública con unha certa rapidez, os dereitos educativos dos pais e nais en relación cos seus fillos e fillas, ou o amparo xudicial, cada día máis difícil debido ao crecente atasco que presentan os xulgados e tribunais, o que supón o incumprimento do artigo 14 c) da pacto internacional de dereitos civís e políticos.
O programa do PPdeG plantexa propostas a cada un deses casos, empezando por un gran pacto social para redefinir as prioridades do gasto público. Primarase a austeridade da Administración para buscar recursos cos que poñer remedio ás carencias á que veño de referise, pero tamén a outras que están na mente de todos.

Asistimos nas últimas semanas á condena de varios membros das Forzas e Corpos de Seguridade por actuacións desproporcionadas e violentas no desempeño da súas funcións. Que consideración lles merecen estas condenas?

Neste aspecto, considero preciso aclarar que se trata sempre de casos illados e non de unha actitude xeneralizada dos corpos e forzas de seguridade do Estado, polos que profeso o maior respecto. Falamos de profesionais sometidos a situacións difíciles, moitas ocasións os medios axeitados e, moitas veces, con salarios que non son acordes coa responsabilidade que teñen encomendada. E non esqueza vostede que obedecen ordes, neste caso do Delegado do Goberno.
Sen embargo, insisto, non podemos permitir que sucesos illados empañen unha labor encomiable. Se mo permite, porei un exemplo. No último ano viñemos asistindo estupefactos á sucesión de anomalías que afloraron en Sogama, que podería ter cometido un presunto delicto continuado contra o medio ambiente polos vertidos ao río Lengüelle, afuente do Tambre que abastece a Santiago. Pois ben, malia as reiteradas denuncias, tanto a Xunta como o Goberno central miraron cara outro lado e tivo que ser o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (Seprona) o que tomou cartas no asunto.
Dito iso, son o primeiro en defender as garantías do Estado de Dereito, polo que calquera posible exceso debe ser investigado e xulgado con arreglo ás leis.
Desde o noso punto de vista, a utilización de poder público para restrinxir dereitos civís e políticos é condenable. Outras prácticas deste tipo foron desenvolvidas por este Goberno da Xunta, que impuxo limitacións informativas dos medios públicos de titularidade autonómica, o que supón o incumprimento do artigo 19-2 do pacto internacional de dereitos civís e políticos ao limitar o dereito a recibir información.

Entre as queixas máis numerosas que recibe a nosa asociación se atopan aquelas que se refiren a estes comportamentos abusivos e violentos da policía. Tendo comprobado que o corporativismo e a presunción de veracidade acaban por frear as investigacións internas, o Movemento polos Dereitos Civís defende a creación dun organismo independente que investigue a actuación irregular dos Corpos e Forzas de Seguridade. Estaría disposto o seu partido a apoiar a proposta no Parlamento Galego?
Desde logo, estou disposto a escoitar a proposta e a discutila, deixando claro que estes feitos, de producirse, debe ser postos en coñecemento da Xustiza, que é á que lle corresponde investigalos, xulgados e, se é o caso, impoñer a condena que corresponda. Outras vías, como o Valedor do Pobo ou o Defensor del Pueblo tamén poden e deben ser utilizadas para canalizar as queixas ou denuncias que podan producirse.

Unha enquisa difundida polo Movemento amosaba que oito de cada dez cidadáns consideran que a Xustiza resulta lenta ou moi lenta á hora de resolver os distintos casos. Cales son as medidas concretas que pode tomar o Goberno galego para axilizar o seu funcionamento?
Coincido plenamente co sentir social descrito nesa enquisa. É máis, esa percepción está especialmente extendida en Galicia, que rematou o ano 2008 cun récord histórico de atasco xudicial con 177.000 casos pendentes de resolver e case 120.000 sentenzas sen executar. Fronte a iso, en lugar de adoptar as medidas oportunas a Xunta responde con propaganda. Outro dato: a Memoria de 2007 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pedía a creación de 37 novas unidades xudiciais para facer fronte ao atasco, pero a Xunta ignorou esa recomendación e limitouse a propoñer a creación de 7.
A solución que ofrecemos é obvia: crear máis xulgados, modernizar o seu equipamento e reforzar o cadro de persoal. Non é de recibo que en pleno século XXI os xulgados funcionen de acordo cun modelo implantado no século XIX. Claro que, para dar o salto de xigante que propoñenos, haberá que liminar dun plumazo prácticas inadmisibles, pero xeneralizadas nestes últimos anos; acabáronse os coches de luxo, os despachos suntuosos, os mojitos no Caribe e os longos séquitos de asesores políticos.

A cidadanía percibe tamén que a Xustiza non trata por igual a un cidadán e a un policía, a un veciño e á Administración. En particular, a nosa asociación ten que destinar unha parte importante dos seus recursos a conseguir que as administracións respecten a Lei en materias como a vídeo-vixilancia. Non debería ser o comportamento das administracións exemplar no respecto das leis e na tutela dos dereitos dos cidadáns?
Se ben non comparto a súa primeira afirmación, porque entendo que a Xustiza é imparcial e así debe ser entendida, sí concordo en que, en ocasións, os poderes públicos e os seus responsables non actúan coa rectitude que lles debe ser esixida, como acredita a realidade.
Refírome, por exemplo, ao recente caso das cámaras instaladas no exterior da vivenda dun significado socialista, o ex-alcalde da Coruña. A lei, insisto, debe ser igual para todos e niso comprometo a miña palabra. Para o futuro Goberno do PPdeG non haberá cidadáns de primeira nin de segunda. Acabáronse os privilexios e as regalías.

Na mesma enquisa, os galegos sinalaban que acceder á información das Administracións Públicas é unha tarefa dificultosa, e o oitenta por cento dos enquisados cre necesaria unha nova normativa para facilitar o exercicio do dereito de acceso. Comprometeríase a desenrolar un proxecto lexislativo que responda a esta necesidade dos cidadáns?
O acontecido en Galicia nos últimos anos é paradóxico. O mesmo Goberno que promulgou unha lei que, supostamente buscaba a transparencia da Administración, acabou convertido no Executivo máis opaco da historia de Galicia, despedíndose rodeado de fundadas sospeitas de trato de favor en asuntos como o concurso eólico, o sobreprezo da autovía da Barbanza, os contratos a dedo de Sogama ou as inexplicables reticencias a dotar de plenas garantías democráticas ao voto emigrante. Outro tanto pode dicirse de aspectos como a xestión dos fondos públicos ou a xestión de axudas e subvencións.
O compromiso do PPdeG neste ámbito é claro: superar as aparencias e a opacidade do bipartito e converter á Xunta nunha administración transparente, un Goberno con paredes de cristal.
Tamén é certo que na lexislatura que remata, a Xunta de Galicia negou de forma reiterada documentación aos deputados e deputadas do Parlamento de Galicia e á mesma presidenta do Parlamento, o que é unha mostra evidente da actitude dun goberno que nos garantiu o dereito o acceso a información.

Neste mesmo sentido, os alcaldes dalgunhas das máis importantes vilas galegas prohibiron o acceso ós plenos municipais a algúns dos seus veciños. Como valora esta limitación do dereito de acceso? De que modo se pode acadar unha participación mais fluída dos cidadáns na vida pública?
Esa é unha mostra máis do que acabo de sinalar, os mesmos que pretenden monopolizar o discurso da transparencia non teñen reparo en mudar de actitude e atrincheirarse na intransixencia para evitar dar contas das súas decisións aos veciños ou tratar de silenciar críticas gañadas a pulso.
Refírome, ao igual que vostede, seguramente, ao acontecido no concello de Vigo, onde un alcalde socialista, Abel Caballero, prohibiu o acceso dos veciños, mentres se facilitou a presenza de militantes socialistas que entraron por unha porta reservada. Trátase dunha actitude máis propia dun réxime absolutista que de un país con tres décadas de historia democrática ás súas costas.
Tamén o alcalde de Moaña, como vostede coñecerá, restrinxe a entrada e impide a participación dos veciños e veciñas nos plenos municipais e non celebra os mesmos. De feito, este asunto está sendo obxecto dunha investigación polo Valedor do Pobo.
Estas actitudes son mostra do non respecto do dereito a participar nos asuntos públicos do artigo 25 do pacto internacional de dereitos civís e políticos
Créame, ningunha destas actitudes ten cabida no PPdeG porque, en política hai que estar ás duras e ás maduras. Os políticos estamos ao servizo dos cidadáns, e estamos especialmente obrigados a escoitar aos que teñen problemas ou que perciben que os seus dereitos teñen sido lesionados.

Un dos encargados de facilitar estas relacións entre os cidadáns e a Administración debería ser o Valedor do Pobo. Que valoración ten da súa actuación o seu grupo político? Que sería necesario cambiar para dotar de maior efectividade a esta institución?

En termos xerais, considero que está a desenvolver un labor rigurosa, tendo en conta que non sempre conta coa colaboración que sería desexable por parte das Administracións públicas, tanto concellos como Xunta.
Estas prácticas poden e deben rematar. Ocupareime persoalmente de facelo desde a Presidencia da Xunta no ámbito da Administración autonómica.

Un ano e medio despois do decreto 124/2007, como valora na actualidade a situacións dos dereitos lingüísticos en Galicia? Cales serán as iniciativas do seu partido neste eixo?
A postura do PPdeG é a mesma que no primeiro momento. Entendemos que se trata dun decreto que non garante a igualdade das dúas linguas oficiais na Comunidade Autónoma. Reitero a miña intención de derrogalo para recuperar o espírito da Lei de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia, a diferencia do acontecido co decreto, promulgado unilateralmente polo bipartito.
Defendemos un modelo equilibrado, que garanta unha proporcionalidade das dúas linguas oficiais; garantía de que os nenos podan elixir a lingua na que se expresen nas aulas e nos exames; garantía de que os cativos sexan escolarizados na súa lingua materna na educación infantil; e garantía de que ao remate de cada ciclo educativo os alumnos teñan a mesma competencia lingüística en galego e en castelán. Todo elo, con independencia da introdución progresiva dun idioma estranxeiro para estender o ensino trilingüe.

Por último, preguntámonos que repercusión podería ter a aprobación dun novo estatuto na próxima lexislatura na mellora da situación dos dereitos civís en Galicia.
Neste momento, entendo que as prioridades da sociedade galega marchan por outros derroteiros e convido a quen non comparta este criterio a pulsar a opinión de persoas do seu entorno. Os galegos esixen emprego, mellorar as súas condicións de vida, mellor sanidade, mellor educación ou facilidades para acceder a unha vivenda, por poñer só uns exemplos concretos.
Con todo, o PPdeG sempre se amosou disposto a acadar un acordo para a reforma do actual Estatuto de Autonomía, con unha única condición, respectar o marco constitucional que temos como referencia desde o ano 1978 e que nos permitiu consolidar a democracia.
O problema xurdiu cando pedimos ao bipartito que presentase unha proposta conxunta, feito que non se chegou a producir dado que, tamén neste asunto, as diferenzas entre PSOE e BNG son insalvables.

0 comentarios:

Publicar un comentario