Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Bugallo e a súa concelleira de Seguridade afirman agora que as cámaras da zona vella de Compostela non están a gravar imaxes

Written By Virgulino on 26/2/09 | 10:55

Os responsables de Seguridade Cidadá de Compostela seguen a voltas coas cámaras ilegais instaladas na zona vella. Os mesmos que malgastan os cartos da cidadanía recorrendo unha e outra vez nos tribunais as diversas sentenzas que esixen a retirada da vídeo-vixilancia, veñen de informar a un cidadán de que as cámaras non están en realidade a gravar nada. Esa foi a sorprendente resposta que recibiu un cidadán que solicitou o acceso as imaxes rexistradas polas cámaras dos incidentes que se produciron durante a manifestación de Galicia Bilingüe.

Este cidadán dirixira un escrito a título persoal ó Concello, solicitando o acceso as gravacións realizadas polas cámaras, instaladas aínda na zona vella de Compostela, durante a mañá do pasado oito de febreiro. A intención desta persoa era a de informarse sobre a actuación da policía durante os diversos incidentes que tiveron lugar a raíz da manifestación polas rúas da cidade de Galicia Bilingüe.

As imaxes gravadas pola cámara poderían ser de utilidade neste sentido para determinar se as cargas policiais estaban xustificadas e se resultaban proporcionais aos feitos. Sen embargo, a única resposta que recibiu o solicitante por parte dos responsables do Concello foi que as cámaras non están a rexistrar imaxes.

A este punto o Movemento polos Dereitos Civís non sabe xa que pensar da actitude de Sánchez Bugallo e da súa concelleira de Seguridade Cidadá. Unha primeira hipótese é que estas persoas están a malversar os fondos públicos, empeñándose nunha defensa caprichosa nos tribunais duns dispositivos de cuxa ilegalidade son os únicos responsables, uns dispositivos que ademais, segundo parece, non están nin sequera sendo utilizados. Unha segunda hipótese é que as cámaras si están a funcionar e que Sánchez Bugallo responde con falacias e mentiras aos cidadáns que se dirixen ao Concello exercendo o seu lexítimo dereito de petición.

En calquera caso, a actuación dos responsables municipais no caso das cámaras instaladas ilegalmente na zona vella de Santiago está a acadar uns niveis delirantes. Faría ben o Concello en acatar as resolucións xudiciais, en retirar as cámaras e, se de verdade o considera necesario, en solicitar unha nova autorización cumprindo con todos os trámites marcados pola de Lei. Se cadra deste xeito sería posible afrontar un verdadeiro debate sobre a utilidade e a conveniencia de optar por este invasivo sistema de seguridade.

0 comentarios:

Publicar un comentario