Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Valedor e o Defensor contradinse entre si, e deixan sen sanción as restricións do acceso ós plenos do Concello de Vigo

Written By Virgulino on 21/1/09 | 11:49

As dúas institucións públicas chamadas a defender os dereitos dos cidadáns contradinse entre si, e póñense só de acordo á hora de tolerar que o alcalde Vigo limite o dereito de acceso dos seus veciños e o principio de publicidade dos plenos. O Defensor del Pueblo recoñeceu, a instancias do Movemento polos Dereitos Civís, que sería necesario investigar se as medidas do alcalde poden considerarse proporcionais, mais negou a lexitimación da asociación para solicitar dita investigación. Pola súa banda, o Valedor non tivo problemas para tramitar unha queixa idéntica no mesmo asunto, pero limitouse na práctica a dar por boas as contraditorias explicacións da Secretaría Xeral do Concello. Mentres, o único seguro é a impunidade coa que Abel Caballero lesionou dereitos fundamentais dos cidadáns, elaborou listas negras e restrinxiu o acceso ós plenos municipais.

O Movemento polos Dereitos Civís recibiu nestes días sendas comunicacións do Defensor del Pueblo e o Valedor do Pobo, en relación coas queixas presentadas pola asociación a raíz dos incidentes acontecidos nun pleno do Concello vigués en outubro de 2008. Cómpre lembrar que o alcalde prohibirá de maneira preventiva o acceso dalgúns cidadáns a dito pleno, e someterá ós demais a unha serie de controis e presións intolerables. As manifestacións do Valedor e o Defensor ó respecto resultan incomprensiblemente contraditorias, e coinciden só en eximir de responsabilidade ó Concello de Vigo nestes feitos escandalosos.

O Defensor del Pueblo recoñece no seu escrito que sería necesario “comprobar se a medida adoptada polo Alcalde de Vigo no caso exposto concorrería na proporcionalidade necesaria esixible para limitar o acceso ó Pleno”. A institución admite tamén que “a restrición do acceso ó Pleno denunciada puidera ter suposto unha limitación do principio de publicidade”. Non obstante, o Defensor escúdase nunha suposta falta de lexitimación do Movemento polos Dereitos Civís para presentar a queixa, lexitimación que non foi posta en entredito pola mesma institución en casos ben similares.

Un informe contraditorio

O Valedor do Pobo, de feito, si recoñeceu a lexitimación da asociación e tramitou a queixa presentada polo mesmo asunto. Sen embargo, a súa labor no caso limitouse a exercer de mensaxeiro das explicacións pouco satisfactorias facilitadas polo Concello. O Valedor reenviou á asociación un informe da Secretaría Xeral do Concello no que se analizan os factores que xustifican, segundo este órgano, a suspensión do dereito de acceso e participación e o principio de publicidade.

A Secretaría remítese ó informe elaborado en agoste de 2007 sobre este tema, informe no que se baseou o Concello para emitir unha resolución que prohibía temporalmente o acceso ós plenos a tres veciños. Deixando á marxe o feito de que o informe, a resolución e a validez desta para restrinxir un dereito fundamental sexan moi discutibles, a propia Secretaría recoñece no escrito reenviado agora polo Valedor que esas medidas deberan ser en calquera caso temporais, e que é inxustificable estendelas durante catorce meses. Xa que logo, dificilmente o alcalde pode escudarse en dita resolución para xustificar as medidas extraordinarias que adoptou no pleno de outubro de 2008.

As contradicións existentes nas explicacións achegadas polo Concello de Vigo a través da súa Secretaría véñense sumar as contradicións entre o proceder do Valedor e aquel do Defensor. Ó final, con todas estas actuacións confusas e incoherentes das administracións e institucións, quen sae inevitablemente perdendo é o cidadán. Así, o alcalde de Vigo sae de novo indemne tras vulnerar por segunda vez en un ano o dereito fundamental de participación na vida pública. Non por iso deixará o Movemento polos Dereitos Civís de denunciar a súa actuación se estes feitos se repetisen nun futuro.

0 comentarios:

Publicar un comentario