Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento solicita á AEPD que retire as cámaras do Concello de A Coruña, que foi xa sancionado por irregularidades no emprego das mesmas

Written By Virgulino on 13/1/09 | 12:31

O Movemento polos Dereitos Civís ven de presentar un recurso de reposición perante a Axencia Española de Protección de Datos, solicitando que sancione a instalación ilegal de vídeo-vixilancia por parte do Concello de A Coruña. O Movemento cre que existen evidencias máis que suficientes para proceder á retirada inmediata duns dispositivos que foron instalados sen a pertinente autorización. A AEPD sancionou xa ó Concello pola creación irregular dun ficheiro de datos persoais coas imaxes obtidas por ditas cámaras, mais sen ordear a súa retirada. O MpDC agarda agora que a AEPD reconsidere a súa postura e poña fin ás lesións dos dereitos á intimidade e á propia imaxe que se están a producir.

O Movemento polos Dereitos Civís ven denunciando dende finais do ano 2006 a presenza de cámaras de vídeo-vixilancia instaladas na cidade de A Coruña de xeito ilegal. A asociación considera probado que as cámaras foron instaladas polo menos seis meses antes de que o Concello recibise, en febreiro de 2007, a autorización para o seu emprego.

Existen neste sentido imaxes publicadas por un medio de comunicación que demostran a presenza de cámaras na estación de autobuses da cidade en novembro de 2006. Así mesmo, en xuño do mesmo ano, o alcalde instaba á Policía Local a empregar os dispositivos para controlar funcionarios municipais que se manifestaban. Queda claro, xa que logo, que o Concello de A Coruña empregou as cámaras de vídeo-vixilancia sen contar coa autorización da Delegación do Goberno, que foi concedida só a posteriori. O uso das mesmas fíxose sen as garantías previstas pola Lei, vulnerándose deste xeito os dereitos fundamentais dos cidadáns.

A AEPD comunicou hai uns meses a decisión de sancionar ó Concello por incumprir unha das garantías previstas pola Lei: a inscripción no Rexistro Xeral de Protección de Datos do ficheiro coas imaxes obtidas polas cámaras. Resultaría incomprensible que unha circunstancia aínda máis grave, o emprego de vídeo-vixilancia sen autorización, non fose sancionado polo organismo coa inmediata retirada das cámaras. O Movemento polos Dereitos Civís espera que, a raíz do recurso presentado, a AEPD adopte a única solución posible.

0 comentarios:

Publicar un comentario