Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento recorre a decisión da Axencia de Protección de Datos de arquivar o caso das cámaras ilegais do Concello de Ares

Written By Virgulino on 23/1/09 | 11:31

O Movemento polos Dereitos Civís ven de presentar un recurso contra a decisión da Axencia Española de Protección de Datos de arquivar o caso das cámaras de vídeo-vixilancia instaladas irregularmente no Concello de Ares. A AEPD deu por boas os documentos aportados polo Concello para negar o presunto emprego das cámaras sen autorización. Sen embargo, as contraditorias explicacións do Concello confirman segundo o Movemento que as videocámaras foron utilizadas antes de ter realizado a solicitude de autorización á Delegación do Goberno e despois de que esta, nun primeiro momento, denegase dita autorización. Por esta razón, a asociación reclama de novo á AEPD que sancione ó Concello e que esixa a retirada inmediata das cámaras.

A Axencia Española de Datos comunicou ó Movemento polos Dereitos Civís esta semana a súa intención de arquivar as denuncias presentadas contra o Concello de Ares por emprego irregular e non autorizado de cámaras de vídeo-vixilancia. A institución admitiu a declaración do Concello segundo a cal as cámaras, a pesar de estar instaladas dende o ano 2006 na casa consistorial, non foran usadas ata Abril de 2008, cando recibiron a autorización da Delegación do Goberno. Esta afirmación contradise coas declaracións de responsables da corporación recollidas no seu momento pola prensa, nas que se afirmaba que ó saber que as cámaras non contaban coa autorización deixáranse de utilizar.

O outro documento aportado polo Concello de Ares no que se basea a AEPD para arquivar o caso é unha acta de precinto das cámaras en marzo de 2008. Teoricamente o precinto das cámaras efectuouse, a raíz da denegación nun primeiro momento da autorización, coa intención de garantir que estas non se estaban a utilizar. Resulta curioso, non obstante, que o Concello, unha vez denegada a autorización, se sinta na obriga de precintar unhas cámaras que segundo afirma non estaba utilizando. Ademais, a denegación da autorización foi comunicada en decembro de 2007 e o precinto levouse a cabo tres meses despois.

Posteriormente, sen aclarar ese repentino cambio de criterio, a Delegación concedería a súa autorización para as cámaras en abril de 2008. Sen embargo, o Movemento considera evidente que o Concello utilizou ilegalmente as cámaras entre o momento da súa instalación, en 2006, e a denegación da autorización a finais de 2007, e que continuou a facelo aínda durante tres meses tras saber que a Delegación non lle concedera a autorización. Perante estes feitos, o Movemento polos Dereitos Civís solicitará á AEPD que reconsidere a súa postura e, en lugar de arquivar o caso, proceda a sancionar ó Concello polo incumprimento da normativa e polas lesións do dereitos á intimidade derivadas deste incumprimento. A asociación considera que só a retirada inmediata das cámaras poderá corrixir unha evidente vulneración neste caso das garantías previstas pola Lei para o uso da vídeo-vixilancia.

0 comentarios:

Publicar un comentario