Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento polos Dereitos Civís denuncia que seguen a instalar cámaras de vixilancia en Santiago de Compostela

Written By Virgulino on 22/1/09 | 11:31

O Movemento polos Dereitos Civís tivo coñecemento nos últimos días da existencia de novas cámaras de vídeo-vixilancia que poderían estar a vulnerar os dereitos dos veciños de Compostela. Varias denuncias alertaron á asociación da presenza de dispositivos de gravación orientados cara a vía pública no exterior da Escola Galega da Administración Pública, no polígono das Fontiñas. A asociación dirixiu dous escritos á propia Escola e á Delegación do Goberno, solicitando informacións sobre o cumprimento de todos os trámites previstos pola Lei para a instalación das cámaras.

O Movemento recordoulle nun escrito ós responsables da Escola Galega da Administración Pública o importante impacto sobre os dereitos fundamentais das persoas que teñen os dispositivos de vídeo-vixilancia. Non parece que existan precedentes de actos violentos nin situacións de perigo evidentes que poidan xustificar a instalación dun sistema que afecta ós dereitos á intimidade e á propia imaxe. A asociación considera necesaria unha reflexión sobre o emprego de medios disuasorios alternativos, coma sería o uso simplemente de gardas de seguridade, se a institución considera que existe algún tipo de ameza contra a súa sede.

Por outra banda, o Movemento polos Dereitos Civís quere asegurarse de que en calquera xeito se cumpriron todos os requisitos legais recollidos na Lei Orgánica de Protección de Datos para a instalación das cámaras. Así, a asociación solicitou á Delegación do Goberno e á propia Escola que confirmen a existencia dunha autorización para dita instalación, así como do preceptivo informe favorable da Comisión de Garantías e da inscrición no Rexistro Xeral de Protección de Datos dos ficheiros coas imaxes procedentes das cámaras. En caso de que algún dos trámites non se respectase, o Movemento solicitaría a inmediata retirada das cámaras como fixera xa coas instaladas irregularmente polo Concello na zona vella.

Asistimos nas últimas datas a un auténtico proliferar destes dispositivos de control, instalados a miúdo sen as garantías imprescindibles para os dereitos dos cidadáns. O Movemento polos Dereitos Civís invita de novo ós organismos e empresas a adecuarse en primeiro lugar á lexislación existente, e a reflexionar ademais sobre a necesidade real de empregar un medio tan agresivo en lugares non particularmente perigosos. Deberá ser, por outra banda, a propia administración a que tome medidas para garantir que este novo e desmesurado culto á seguridade non acabe lesionando os dereitos dos cidadáns

0 comentarios:

Publicar un comentario