Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento denuncia a presenza de vídeo-vixilancia na Universidade de Vigo

Written By Virgulino on 14/1/09 | 12:05

Continúa a proliferación de dispositivos de vídeo-vixilancia de dubidosa legalidade e nula efectividade nas vilas galegas, a pesar das recentes decisións xudiciais que avalan as reiteradas denuncias do Movemento polos Dereitos Civís. A asociación recibiu nos últimos días varias denuncias en relación coa instalación de cámaras de seguridade no exterior da Facultade de Ciencias de Vigo. O Movemento presentará dous escritos perante a Delegación do Goberno e a propia facultade, asegurándose de que se respectou o procedemento marcado pola Lei e invitando en calquera caso á Universidade a que reconsidere a súa decisión empregar un medio tan lesivo dos dereitos dos seus estudantes.

O Movemento polos Dereitos Civís tivo coñecemento da presenza das cámaras a raíz de varias denuncias, e procedeu a documentar graficamente, con varias fotografías, o emprazamento das mesmas. As imaxes demostran claramente que os dispositivos están a gravar a vía pública, e a primeira intención do MpDC será xa que logo comprobar se contan para iso con todos os requisitos necesarios. Así, a asociación dirixirá escritos á Delegación do Goberno e á facultade interesándose pola existencia dunha autorización para o emprego das cámaras, dun informe favorable da Comisión de Video-vixilancia, da inscrición no Rexistro Xeral de Protección de Datos dos ficheiros correspondentes e do resto de requisitos sinalados pola Lei.

Ademais, o Movemento quere invitar co seu escrito á Universidade de Vigo e á Facultade en cuestión a reconsiderar a instalación destas videocámaras. En particular, sería necesario que as autoridades académicas reflexionasen sobre a conveniencia de contar cuns dispositivos que conlevan unha forte intromisión no dereito á intimidade e á propia imaxe do alumnado. Sobre todo se temos en conta que non semellan existir circunstancias de risco que xustifiquen dito emprego, e que a vídeo-vixilancia demostrouse coma un medio pouco eficaz para a prevención de actos vandálicos.

O Movemento agarda que coa súa denuncia e coa súa intervención decidida no caso as cámaras sexan retiradas do exterior da Facultade. Sentenzas coma a que obriga o Concello de Santiago a retirar a vídeo-vixilancia ilegal do casco histórico, e a existencia de numerosos estudos que cuestionan a utilidade deste instrumento de control da cidadanía, deberían facer que as institucións afrontasen con maior cautela a instalación duns dispositivos que poden atentar contra os dereitos e liberdades das persoas.

0 comentarios:

Publicar un comentario