Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Concello de Lugo négase a enviar un informe sobre vídeo-vixilancia ó Valedor

Written By Virgulino on 11/1/09 | 11:28

Algúns concellos galegos semellan decididos a obstaculizar non só o lexítimo dereito de petición e acceso dos seus cidadáns senón tamén as iniciativas das institucións públicas que os representan e defenden. O Valedor do Pobo ven de solicitar por segunda vez ó Concello de Lugo a presentación dun informe, respondendo á solicitude do Movemento polos Dereitos Civís. A intención da asociación é a de comprobar se as cámaras situadas en varios museos da capital lucense contan coas autorizacións e informes pertinentes.


O Valedor do Pobo, ó que o Movemento se dirixiu para obter información sobre este asunto, comunicou á asociación que se vira na obriga de presentar un segundo requerimento ó Concello de Lugo. O Goberno municipal négase polo momento a facilitar o informe solicitado pola institución e ignorou a primeira petición trasladada dende o Valedor.

Nos últimos días o Movemento polos Dereitos Civís denunciou que o alcalde doutra das principais cidades galegas, Santiago de Compostela, leva máis de dous anos sen enviar a información solicitada polo Defensor del Pueblo. Algúns alcaldes galegos, ó parecer, non se limitan a vulnerar a legalidade e lesionar os dereitos dos seus veciños senón que ademais desprezan sistematicamente ás institucións que tratan de restablecer estes dereitos.

No caso de Lugo, o Movemento polos Dereitos Civís quere asegurarse de que as cámaras de vídeo-vixilancia situadas nas salas museísticas de Porta Miñá e San Roque cumpren con todas as garantías previstas pola Lei de Protección de Datos. As cámaras deberían contar coa autorización correspondente da Delegación, previo informe da Comisión de Vídeo-vixilancia, e respectar todos os outros requisitos legais.

Cómpre recordar que o MpDC denunciou con anterioridade a instalación ilegal de cámaras no centro histórico de Lugo e no polígono de O Ceao, cámaras que non contaban con autorización ou que non a renovaran. Os dous casos atópanse pendentes de resolución xudicial, e o Movemento non dubidará en recorrer de novo á Xustiza se o Concello continúa negándose ás peticións do Valedor neste novo caso.

0 comentarios:

Publicar un comentario