Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A muller de Paco Vázquez podría ser sancionada cunha multa de ata 300,000 euros por unha infracción da Lei de Protección de Datos

Written By Virgulino on 27/1/09 | 17:23

A Axencia Española de Protección de Datos iniciou un procedemento sancionador contra a muller de Paco Vázquez, por unha posible infracción da Lei de Protección de Datos. Esta decisión responde á denuncia presentada polo Movemento polos Dereitos Civís, en relación coa presenza de cámaras de vixilancia situadas no exterior da residencia coruñesa do ex alcalde. A asociación protestaba polo feito de que as cámaras non estaban convenientemente sinalizadas e non cumprían con todas as garantías previstas pola Lei. A AEPD descubriu nas súas investigacións toda unha serie de irregularidades polas que a muller de Paco Vázquez, responsable legal dos dispositivos, podería ser sancionada ata con 300,000 euros.

O Movemento presentara en xullo de 2007 unha queixa perante a AEPD en relación cos dispositivos de vídeo-vixilancia instalados na casa que Paco Vázquez, actual embaixador de España en O Vaticano, e a súa dona, María del Carmen de la Iglesia Illanes, teñen na coruñesa Rúa do Parrote. As cámaras estaban situadas no exterior da vivenda e apuntaban cara a vía pública; ademais non estaban convenientemente sinaladas segundo indica a Lei, nin se informaba ós afectados do procedemento de acceso e cancelación dos seus datos.

Dadas estas circunstancias, a asociación considerou imprescindible comprobar se as cámaras contaban con todas as autorizacións e garantías esixidas pola Lei Orgánica 4/1997. Ó atoparse na vía pública só as Forzas e Corpos de Seguridade podían proceder á súa instalación, e sempre no respecto das citadas garantías. De feito, Paco Vázquez afirmou, segundo consta no informe da AEPD, que “a instalación fíxose sendo eu alcalde da cidade e estritamente por motivos de seguridade”. Sen embargo, o mesmo informe conclúe que non existe ningunha documentación ou proba que acredite que a instalación se levase a cabo polas Forzas e Corpos de Seguridade e previa autorización gobernativa.


Unha instalación completamente irregular

En cambio, as indagacións da AEPD concluíron que a instalación das cámaras fora levada a cabo en 2004 por unha empresa privada, que no momento das investigacións se atopaba xa en proceso de extinción. Por esa razón, o ex alcalde e a súa muller contactaron en 2008 cunha segunda empresa a fin de que se ocupasen do mantemento das cámaras, mais o contrato entre as partes non chegou a ser asinado. En calquera caso, a empresa non tivo acceso ás imaxes en ningún momento, afirmaron fontes da mesma, e o tratamento e emprego dos datos de carácter persoal é responsabilidade exclusiva da persoa contratante do servizo.

Ante a existencia dun cúmulo tal de irregularidades, a Axencia Española de Protección de Datos procedeu a iniciar un procedemento sancionador contra a persoa legalmente responsable da custodia e eventual emprego dos datos persoais obtidos polas cámaras de vixilancia. Neste caso, a documentación coa que conta a AEPD indica que María del Carmen de la Iglesia, a muller de Paco Vázquez, é a responsable legal do arquivo en cuestión. Dadas as graves infraccións da Lei Orgánica de Protección de Datos e conseguinte vulneración dos dereitos fundamentais dos cidadáns, poderá ser sancionada con multas de entre 60,000 e 300,000 euros.

Mais alá da maior ou menor contía da sanción económica final, o Movemento polos Dereitos Civís acolle con satisfacción a intervención decidida da institución perante a concatenación de irregularidades existentes neste caso. A implicación nos feitos dun ex alcalde da mesma vila na que foron instaladas ilegalmente as cámaras demostra ata que punto certos representantes políticos ignoran e desprezan sistematicamente os mesmos dereitos dos cidadáns que eles mais que ninguén deberían estar chamados a defender.

0 comentarios:

Publicar un comentario