Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dúas novas sentenzas xudicias supoñen un avance na loita contra a impunidade dos membros das Forzas de Seguridade do Estado

Written By Virgulino on 18/1/09 | 10:14

Nos últimos días coñecéronse dúas importantes sentenzas relacionadas co abuso de autoridade e o emprego da violencia por parte das Forzas de Seguridade do Estado. As condenas a dous Mossos d'Esquadra e ao Estado español polos maltratos sufrido por dous cidadáns supoñen un pequeno paso adiante na loita por erradicar a tortura e a violencia policial. A actualidade, sen embargo, non deixa de achegarnos novas de actuacións policiais desproporcionadas, secretismo e corporativismo na investigación de feitos denunciados, indultos a policías condenados, negativas a instalar cámaras de vixilancia nas comisarias coma solicita a práctica totalidade de observadores nacionais e internacionais. Trátase dun momento importante para reflexionar sobre a toleranza existente cara a violencia empregada por aqueles que, en teoría, estarían chamados a defender os dereitos e liberdades dos cidadáns.

Moi significativa é a sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que condena ó Estado español a indemnizar a Mikel Iribarre. O Estado terá que abonar 170.000 euros coma responsable subsidiario polas secuelas causadas polo impacto dun bote de fumo, disparado a moi curta distancia por un policía nacional durante unha manifestación celebrada en 1991. O Tribunal considera que neste caso se violou a prohibición de someter ás persoas a tratos inhumanos ou degradantes, recollida no artigo 3 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos. Ademais, afirma a sentenza que no proceso xudicial de máis de dezasete anos, que rematou coa denegación da indemnización por parte do Tribunal Supremo, non se respectaron todas as garantías inherentes a un proceso público.

Será preciso agardar para comprobar se outra sentenza coñecida nestes días, a que condena a penas de cárcere a dous Mossos d'Esquadra por denigrar a un detido, é revocada por instancias superiores ou anulada por un conveniente indulto. Polo momento, a Audiencia de Barcelona estableceu reclusións de seis meses para os axentes que agrediron e humillaron a un cidadán, acusado á súa vez dunha agresión que non se demostrou a posteriori.

Esta condena súmase á coñecida uns meses atrás, pola que outros tres Mossos eran condenados a seis anos de cárcere por torturar a un detido. En ámbolos dous casos a Dirección Xeral de Policía mantivo en servizo ós axentes, defendeu a súa inocencia e facilitoulles asistencia legal. Na sentenza que coñecemos nestes días a Audiencia fai fincapé na escasa credibilidade das declaracións favorables dos compañeiros dos axentes, boa mostra dese corporativismo que remata por abortar as denuncias e investigacións sobre abusos policiais.


Toleranza e corporativismo

Un dos aspectos máis preocupantes deste emprego da violencia por parte do Estado, denunciado polo propio Movemento polos Dereitos Civís, pola Comisión de Dereitos Humanos da ONU e por outros organismos, é a escasa repercusión e os habitualmente nulos efectos que teñen as denuncias que se realizan. Incluso en casos de policías cuxa condena por maltrato a un cidadán é confirmada polo Supremo, caso de catro axentes da policía local de Vigo, o mesmo tribunal ratifica o indulto dos axentes. Son numerosos os casos nos que as denuncias rematan en investigacións internas, sen que, “por motivos de seguridade”, sexa posible coñecer os seus resultados nin as posibles sancións. Por outra banda, o Estado segue sen proceder á instalación de cámaras nas comisaría que poidan axudar a garantir a seguridade dos detidos.

As dúas sentenzas que se coñeceron nos últimos días significan un pequeno avance na loita contra a impunidade das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Un cambio importante neste sentido, sen embargo, producirase só cando dende as propias institucións se poña fin á tolerancia cara as violacións de dereitos cometidas por membros das mesmas. O Movemento polos Dereitos Civís, pola súa banda, comprométese a seguir denunciando todos os casos de violencia e de comportamentos policiais inxustificados que seguen a producirse no noso territorio.

0 comentarios:

Publicar un comentario