Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Delegación do Goberno denega a autorización para as cámaras de vixilancia instaladas na estatua do Che en Oleiros

Written By Virgulino on 26/1/09 | 12:07

O Movemento polos Dereitos Civís esixe ó Concello que retire inmediatamente uns dispositivos que instalou de forma ilegal

A delegación do Goberno en Galicia denegou a autorización solicitada polo Concello de Oleiros para instalar cámaras de seguridade no entorno da estatua do Che. Cómpre recordar que o Concello instalara xa esas cámaras meses atrás, sen solicitar nin sequera a pertinente autorización. A raíz da denuncia do caso por parte do Movemento polos Dereitos Civís, a corporación municipal viuse na obriga de desconectar os dispositivos e de proceder a solicitar o permiso para a súa instalación. O Movemento agarda que a denegación deste permiso peche por fin o caso, salvo polo que se refire ás sancións que deberá recibir o Concello pola vulneración do procedemento previsto na Lei Orgánica para a instalación de vídeo-vixilancia.

O Movemento polos Dereitos Civís denunciou, en xullo do pasado ano, a presenza de dúas cámaras instaladas para vixiar a estatua do Che en Oleiros, que non contaban coa autorización da Delegación do Goberno nin foran inscritas no Rexistro Xeral de Protección de Datos. A súa colocación non respectaba xa que logo as garantías mínimas dos dereitos á intimidade e á propia imaxe previstas pola Lei Orgánica 1997/4, que regula a instalación de vídeo-vixilancia. Dita Lei especifica que só as Forzas e Corpos de Seguridade poden empregar estes dispositivos, previa autorización da Delegación do Goberno e sempre que se conte co informe favorable da Comisión de Garantías.

Dado que o Concello de Oleiros ignorara totalmente este procedemento, o Movemento denunciouno perante a Delegación do Goberno e a Axencia Española de Protección de Datos. Gracias a esta actuación, conseguiuse que o Concello desconectase as cámaras, aínda que segue a infrinxir a lei ó non retiralas do lugar no que foran colocadas.

Dende o goberno municipal presentouse esta desconexión coma unha “deferencia cara a cidadanía”, mentres en realidade se limitaba simplemente a cumprir cunha lexislación que infrinxira previamente. Ademais, o Concello solicitou finalmente, semanas despois da instalación efectiva das cámaras, a autorización da Delegación para as cámaras.


Retirada inmediata


Nestes días a Delegación comunicou que denegaba o permiso para a instalación de vídeo-vixilancia na estatua do Che. O Concello de Oleiros presentou un recurso contra a decisión da Delegación, empeñándose na defensa duns dispositivos que ademais de ilegais amosáronse totalmente ineficaces. De feito, non impediron que a estatua aparecese con manchas de pintura ás pouca semanas de instalaren as cámaras, nin as imaxes gravadas (ilegalmente) serviron para identificar ós autores dos feitos.

Perante a decisión da Delegación, o Movemento solicita ó goberno municipal de Oleiros a retirada inmediata das cámaras do seu actual emprazamento. A asociación invita a este e a outros concellos galegos a considerar o dano ós dereitos fundamentais dos seus veciños que están a producir coa instalación irregular de cámaras de vixilancia e, en xeral, co emprego dun medio do control tan agresivo coma este.

0 comentarios:

Publicar un comentario