Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A autorización para as cámaras de vídeo-vixilancia de Compostela, pendentes de retirada por orde xudicial, rematou o pasado 15 de xaneiro

Written By Virgulino on 19/1/09 | 11:30

O pasado día 15 de xaneiro expirou a última das autorizacións concedidas pola Delegación do Goberno ó Concello de Santiago para a instalación de cámaras de vídeo-vixilancia na zona vella. A Xustiza considerou en setembro do pasado ano irregular o proceso de instalación das mesmas e ordenou a súa retirada, mais os responsables de seguridade cidadá empeñáronse en seguir malgastando os recursos públicos e recorreron a sentenza perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Nestas circunstancias, o Movemento polos Dereitos Civís dirixiu a mediados de outubro un escrito á Delegación do Goberno, informándose sobre o estado dos trámites de solicitude de renovación da autorización que debía acometer o Concello, visto que persistía na súa decisión de manter as cámaras.

Tres meses máis tarde, e cunha orde xudicial de retirada provisional dos dispositivos, o Movemento segue agardando por unha comunicación da Delegación do Goberno na que se aclare se o Concello solicitou a renovación da autorización da vídeo-vixilancia. A Delegación, loxicamente, deberá informar tamén de se concedeu ou pensa conceder a renovación de dita autorización, a pesar da sentenza xudicial que demostra as continuas irregularidades cometidas polos responsables de seguridade cidadá. En calquera caso, co seu silencio a administración indica que por desgraza ben poucas cousas trocaron nos últimos meses, e que a arbitrariedade e a opacidade cara a cidadanía seguirán sendo os dous eixos sobre os que xirará a política de concesión de autorizacións nun tema tan sensible coma o da vídeo-vixilancia e o dereito á intimidade.

Perante o silencio da Delegación, o Movemento polos Dereitos Civís ven de presentar un novo escrito solicitando por segunda vez información sobre a existencia ou non dunha solicitude de renovación da autorización das cámaras de seguridade da zona vella de Compostela. A asociación quere tamén comprobar se, no caso de que o Concello insista en manter unha cámaras ilegais, polo menos acepta cumprir cos trámites previstos pola Lei. O Movemento continuará a denunciar cada unha das irregularidades que se produzan na instalación ou mantemento de cámaras de vixilancia, na medida en que estas irregularidades poden provocar danos nos dereitos fundamentais dos cidadáns.

0 comentarios:

Publicar un comentario