Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

As denuncias da Unión de Guardias Civiles confirman a pretensión dos mandos de “someter á poboación a un estado policial”

Written By Virgulino on 20/1/09 | 10:47

O Movemento polos Dereitos Civís quere facerse eco das queixas feitas públicas nestes días pola Unión de Guardias Civiles. Cómpre valorar as reivindicacións e denuncias deste colectivo dun modo particular, dado que proveñen do interior dunha institución que tende a caracterizarse pola súa opacidade e impermeabilidade as críticas. O secretario xeral da asociación protestou hai uns días polos escasos requisitos formativos esixidos para o ingreso no corpo, as malas condicións laborais e a ineficacia da nova Lei de Dereitos e Deberes. Casualidade ou non, a pasada semana o responsable único das Forzas de Seguridade expedientaba ó presidente desta asociación por falta moi grave, debido á súa asistencia a unha manifestación.

Manuel Mato, secretario xeral da UGC, denunciou tamén a ineficaz e escandalosa xestión dos recursos, e falou en particular do sometemento da poboación galega a un estado policial con continuas identificación por mor da sede de “medallitis” dos mandos. Esta última denuncia reviste particular gravidade, segundo o Movemento polos Dereitos Civís, pois supón unha constatación da obsesión pola seguridade que manifestan as diversas administración e forzas policiais, obsesión que desemboca a miúdo en lesións dos dereitos fundamentais dos cidadáns. O responsable da asociación falou en concreto do establecemento de puntos de identificación masivos non autorizados, e achacouno a un interese dos mandos por obter resultados con impacto mediático. Estes comportamentos coinciden coas reiteradas denuncias por parte do MpDC de prácticas irregulares que violan as liberdades civís, coma poden ser, noutros eidos, a instalación de vídeo-vixilancia ilegal, a prolongación da prisión preventiva ou o maltrato de detidos.

Ó mesmo tempo, Mato, protestou tamén pola escaseza de recursos humanos e materiais da Garda Civil e, sobre todo, pola pésima xestión que se está a facer destes recursos. Segundo a UGC, o Corpo está priorizando servixos tales coma o acompañamento de políticos ou a realización de tarefas de chofer para mandos da propia institución. Mentres, explicou, non existen efectivos suficientes para o control do tráfico ou do aeroporto de Lavacolla.

O Movemento quere resaltar a gravidade dalgunhas das afirmacións do secretario xeral da UGC, que por outra banda confirman as denuncias da propia asociación. Se cadra é demasiado optimista esperar que os responsables da Garda Civil tomen nota destas queixas. Por desgraza, resulta máis probable que decidan sancionar, coma fixeron xa co seu presidente, a unha asociación cualificada de “rebelde” pola propia administración. Cómpre aplaudir neste sentido todas as iniciativas que tenten rematar coa opacidade e a represión das críticas tan propia, aínda hoxe, desta institución.

1 comentarios:

Xerado Muinho dijo...

Apoio os Gardas Civis de Galiza, para que loiten contra os delitos e nos protxan, e non se deixen influenciar polos governos que esten o mando en cada etapa política. ¡¡¡¡Ánimo!!!!

Publicar un comentario