Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Alertan da presenza de máis cámaras en Compostela, situadas no Centro Galego de Novas Tecnoloxías

Written By Virgulino on 25/1/09 | 13:13

O Movemento polos Dereitos Civís ven de recibir unha nova denuncia relacionada coa presenza de cámaras de vídeo-vixilancia nas rúas de Compostela. A asociación comprobou nestes días, a raíz de dita denuncia a existencia de dispositivos de vídeo-vixilancia instalados no exterior do Centro Galego de Novas Tecnoloxías, na rúa Airas Nunes da cidade de Santiago. Perante estes feitos, o Movemento presentou dous escritos na Delegación do Goberno e no propio Centro Galego de Novas Tecnoloxías, solicitando información sobre o cumprimento de todos os trámites e garantías previstos pola lei para a instalación das cámaras. Ó mesmo tempo, o Movemento invita a esta institución a substituír as videocámaras por outro medio de seguridade menos lesivo dos dereitos das persoas.

Días despois de que o Movemento denunciase a existencia de novos dispositivos de vídeo-vixilancia en Compostela, coma os situados nos autobuses públicos da cidade ou na Escola Galega de Administracións, chegaron á asociación novas queixas pola presenza de cámaras tamén na sede do Centro Galego de Novas Tecnoloxías. Trátase dun caso moi similar a outros denunciados con anterioridade polo Movemento, nos que non existen circunstancias extraordinarias ou antecedentes particulares que poidan xustificar a instalación das cámaras. A asociación solicita en casos coma este que se reconsidere a necesidade de empregar un medio que pode lesionar os dereitos á intimidade e á propia imaxe de todos os cidadáns.

De todos os xeitos, o Movemento quere asegurarse tamén de que as cámaras cumpren todos os requisitos previstos pola Lei orgánica que regula o emprego destas en espazos públicos. Con esta intención, solicitou por escrito á Delegación do Goberno que confirme a existencia dunha autorización para a instalación das cámaras, do parecer favorable da Comisión de Garantías e de informes policiais que acrediten a necesidade ineludible de contar coas cámaras.

0 comentarios:

Publicar un comentario