Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A AEPD renuncia a intervir no caso das cámaras de tráfico utilizadas irregularmente en Ribeira

Written By Virgulino on 5/1/09 | 13:26

A actuación da Axencia Española de Protección de Datos segue a ser cando menos errática polo que se refire á tutela dos dereitos dos cidadáns. O organismo comunicou ó Movemento polos Dereitos Civís que renuncia definitivamente a intervir no caso das cámaras de tráfico de Ribeira, que se están a utilizar para fins diversos dos previstos pola lei. A AEPD desestimou a denunciada que presentara ó MpDC a raíz da filtración á prensa de imaxes tomadas por estas cámaras, nas que se podía ver a dous persoas nunha liorta, por parte da Policía Local. A AEPD expón como único argumento o feito de que os cidadáns que aparecen nas imaxes difundidas polos medios son dificilmente recoñecibles por mor da posición na que se atopan respecto á cámara, e que polo tanto ditas imaxes non poden ser consideradas datos persoais susceptibles da protección da LOPD.

Incomprensiblemente, a AEPD ignora todas as outras irregularidades que se deducen da filtración destas imaxes por parte da Policía Local. Resulta evidente que, se ben nas imaxes en concreto que se publicaron non eran recoñecibles as persoas en cuestión, é máis que probable que si o fosen noutras instantáneas do mesmo feito, non filtradas ós medios mais gravadas e rexistradas. En calquera caso, as declaracións contraditorias da Policía Local, que chegou a afirmar que as imaxes foran tomadas cun dispositivo privado situado casualmente na mesma posición, altura e ángulo que as cámaras de tráfico, demostran claramente que as cámaras están sendo empregadas como instrumento e control da cidadanía.

Evidentes probas dun uso irregular
Sucede sen embargo que para utilizar as cámaras de vídeo-vixilancia para estes fins, ben diversos do seu suposto emprego como control do tráfico, o Concello de Ribeira debería ter solicitado a aprobación da Comisión de Garantías e a autorización da Delegación do Goberno, así como especificado as características dos ficheiros nos que se rexistrarían os datos. Dado que non se cumpría ningún destes requisitos, o MpDC presentou unha demanda solicitando as retiradas das cámaras. O xuíz, non obstante e a pesar das evidentes implicación da existencia das imaxes en cuestión, considerou que non existían probas do uso das cámaras cunha finalidade diversa á declarada polo Concello.

Semella sorprendente que perante unha acumulación tal de irregularidades – filtración de imaxes por parte da Policía, emprego irregular de dispositivos de vídeo-vixilancia, incumprimento do procedemento administrativo de instalación dos mesmos, violación dos dereitos á intimidade e á propia imaxe, vulneración da Lei de Protección de Datos- o xulgado e a propia AEPD outorguen unha total impunidade ós infractores. Particularmente obsceno resulta que tal impunidade derive unicamente do feito de que nas imaxes filtradas as persoas non fosen recoñecibles, coma se non se puidese deducir a existencia doutra serie de imaxes que si poderían considerarse datos persoais e coma se a gravación, emprego e filtración de ditas imaxes non fosen actos ilícitos de por si. Por desgraza, a tolerancia das institucións e da Xustiza de irregularidades coma as cometidas polo Concello de Ribeira contribúen só a fomentar a proliferación de dispositivos ilegais e lesivos dos dereitos das persoas.

0 comentarios:

Publicar un comentario