Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

500 persoas concentráronse en Vigo en repulsa do masacre israelí en Palestina.

Written By Virgulino on 4/1/09 | 2:42

O ACTO FOI CONVOCADO POR DEZ ORGANIZACIÓNS SOCIAIS, SINDICAIS E POLÍTICAS

Preto de 500 persoas participaron na concentración que tivo lugar na cidade de Vigo o pasado venres 2 de xaneiro ás 20h, diante do MARCO, en repulsa dos bombardeos israelís na Faixa de Gaza, en Palestina.

No acto berráronse consignas en favor do pobo palestino e reclamando o cesamento dos bombardeos e a fin da ocupación israelí.

Unha representante da Asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, foi a encargada de dar lectura en nome de todas as organizacións convocantes dun manifesto, no que se condenaba activamente o masacre contra Palestina, e se solicitaba a imposición de sancións internacionais, e a ruptura de relacións económicas e diplomáticas, co estado de Israel.

O acto que finalizou cun minuto de silencio en lembranza das vítimas, foi convocado pola Asociación Galiza por Palestina, Galiza Nova, Comités, Confederación Intersindical Galega (CIG), Bloque Nacionalista Galego (BNG), Movemento polos Dereitos Civís (MpDC), Marcha Mundial das Mulleres, Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Federación de Asociacións Veciñais "Eduardo Chao" de Vigo e a Asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.

MANIFESTO

Gaza: Deteñamos o exterminio do pobo palestino!

Nestes últimos días a aviación israeliense está a realizar intensos bombardeos sobre o territorio palestino da Faixa de Gaza. O número de mortos xa supera os catrocentos e o de feridos elévase a máis de 1800 persoas. As vítimas desta agresión intencionada e ilexítima non só son combatentes palestinos, senón sobre todo a poboación civil indefensa.

Foron tamén destruídas instalacións civís, como a universidade ou edificios da administración pública, baixo a falaz escusa de que son instalacións terroristas, mais este argumento é completamente inaceptábel.

Ademais dos bombardeos sistemáticos, Israel concentrou gran cantidade de tanques e tropas na fronteira coa Faixa de Gaza, como paso previo a unha máis que probábel invasión terrestre. Intensificouse tamén o asedio ao que foi sometido dende fai meses este territorio, bloqueando a entrada de subministros elementais para a poboación civil.

Nunha demostración máis das intencións do goberno israelí, o ministro de Defensa Ehud Barak declarou o país "totalmente en guerra" contra os palestinos.

A paz na rexión semella cada vez máis lonxe e só se poderá converter en realidade cando sexan respectadas a soberanía e a independencia dos países do Oriente Medio, e atendidas as lexítimas reivindicacións históricas do pobo palestino.

As organizacións aquí presentes convocamos a toda a sociedade viguesa, para expresar con rotundidade a nosa profunda e activa repulsa contra deste masacre que o único que pretende é someter pola vía da violencia ao pobo palestino.

Esiximos o inmediato cesamento dos bombardeos, a suspensión das hostilidades e do feche na fronteira coa Faixa de Gaza.
Solicitamos a imposición de sancións internacionais contra do estado de Israel, así como a suspensión de toda relación económica e diplomática, polo seu reiterado incumprimento dos mandatos da ONU, e tendo en conta que os bombardeos contra obxectivos civís, están tipificados como crimes de guerra pola IV Convención de Xenebra.

Finalmente facemos un chamamento aos traballadores, á mocidade, ao conxunto da sociedade, a sumarse ao clamor internacional en defensa do pobo palestino e da paz no mundo, reafirmando ao tempo o apoio á loita polo fin da ocupación, e pola creación do estado libre e independente de Palestina.

VIVA PALESTINA LIBRE !

Enviado usando Real Mail de Vodafone.

0 comentarios:

Publicar un comentario