Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Varias ordenanzas anti-botellón renuncian a buscar solucións globais para un problema social complexo e recortan dereitos civís

Written By Virgulino on 14/12/08 | 11:17

Nestes días coñecemos a sanción imposta a dous mozos sevillanos por consumir uns refrescos sen alcohol, ás nove a noite, nunha praza pública. Este caso, lonxe de resultar simplemente anecdótico, é sintomático dos defectos e problemas das diversas normativas municipais que, intentando controlar o chamado “botellón” e defender o descanso dos veciños, acaban por lesionar máis dereitos dos que protexen. Se cadra é oportuno aproveitar este caso para reflexionar sobre estas normas que afrontan con oportunismo unha situación de grande impacto social. Nun contexto máis próximo, a elaboración da Ordenanza que regula o ocio nocturno no espazo público en A Coruña, é un bo exemplo de norma con escasa utilidade e pouca resposta ó problema social, nula procura de alternativas e solucións construtivas e, ademais, lesións colaterais de varios dereitos fundamentais.

A ordenanza sevillana, que prohibe o consumo de bebidas de todo tipo na vía pública, é só unha máis das defectuosas iniciativas municipais para regular o fenómeno social coñecido como “botellón”, iniciativas que ante todo non prestan atención ás demandas reais da cidadanía, non teñen en conta a complexidade do sistema de dereitos e liberdades en xogo, e se limitan a solucións restritivas e sancionadoras puntuais. Moitos destes defectos aparecían xa nas primeiras discusións sobre o anteproxecto de ordenación do ocio e a convivencia nocturna do Concello de A Coruña, a finais do 2007. Unha vez aprobado o anteproxecto, en xaneiro de 2008, e toda vez que se atopaba en fase de información pública, o Movemento polos Dereitos Civís presentou unha importante serie de alegacións ó texto.

No seu escrito, o MpDC recoñecía a relevancia social do problema, así como a importancia de preservar o dereito ó descanso nocturno dos veciños e a evitar o uso abusivo do espazo público. Os problemas viñan á hora de analizar as medidas propostas ó respecto. O texto limitábase a recompilar un compendio de iniciativas restritivas recollidas en diversas leis. A ordenanza apenas contemplaba políticas educativas e de fomento de modalidades de ocio alternativas, senón como meras e abstractas declaracións de intencións sen desenvolvemento práctico.

A utilidade do texto era xa que logo moi dubidosa, mais o maior problema derivaba das dúbidas que suscitaba no tocante á seguridade xurídica e ás restricións de dereitos fundamentais. Os procedementos sancionadores previstos na ordenanza para as infraccións da norma non estaban suficientemente estruturados, resultaban confusos e contraditorios. As multas respondían a criterios pouco claros, e consideraban por igual as infraccións ocasionais de simples veciños co incumprimento da normativa con finalidade lucrativa dos locais. Non resultaban tampouco convincentes os criterios seguidos para determinar a responsabilidade das infraccións da norma, o cal podía derivar en sancións inxustas a persoas non responsables de danos, ruídos ou outros incidentes. Ademais, algunhas das prohibicións da ordenanza entraban en conflito con varios dereitos fundamentais especialmente protexidos pola Constitución, coma poden ser a liberdade de reunión, de libre circulación ou do uso do espazo público.

O Concello de A Coruña, a pesar da gravidade destas alegacións, procedeu á aprobación definitiva da Ordenanza en Xuño de 2008, antes de responder ás obxeccións formuladas polo Movemento e por outros axentes sociais. Escasas modificacións foron levadas a cabo no texto, o que non fai senón demostrar a nula vontade de diálogo real da administración coa cidadanía. O único que perseguía a ordenanza era responder dunha maneira efectista pero no efectiva a unha situación social conflitiva. A ausencia de solucións globais, que inclúan políticas educativas e de ocio alternativas, impide solucionar realmente o problema, e remata en cambio por derivar en violacións de dereitos, superposicións lexislativas e casos absurdos coma o que apareceu estes días na prensa. O MpDC espera que en futuras ocasións os Concellos sexan máis receptivos ás alegacións e recomendacións dos axentes sociais, e mías coherentes na procura de solucións complexas a problemas complexos.

0 comentarios:

Publicar un comentario