Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Tras dous anos e medio de desinterese institucional, quedan sen sancionar as violacións de dereitos fundamentais durante a aprobación do PXOM en Vigo

Written By Virgulino on 12/12/08 | 2:41


Dous anos e medio despois de que o Concello de Vigo e a Policía Local vulnerasen varios dereitos fundamentais dos seus veciños de maneira clara e inequívoca, o único que quedou claro do caso é o escaso interese amosado polas diversas institucións que deberían defender eses dereitos. Quedou claro tamén que a previsión discrecional por parte dun alcalde de posibles incidentes serve para negar a publicidade dun pleno e para lesionar o dereito á participación na vida pública. Quedou claro que a simple alegación da Policía de que as cámaras utilizadas para tomar fotografías ilegais non teñen carrete aparentemente resta gravidade á violación dos dereitos constitucionais á intimidade e á propia imaxe. Pese a esta triste constatación do desinterese de administración, Policía, Defensor, Valedor e AEPD, o Movemento polos Dereitos Civís comprométese a denunciar de novo cada un dos atentados a estes dereitos, aínda que iso poida supoñer outros dous anos e medio de frustracións.
Os feitos denunciados polo MpDC tiveron lugar en Maio de 2006, durante a aprobación do contestado PXOM no Concello de Vigo. O alcalde decidira levar a cabo o pleno no lugar habitual, a pesar de que era previsible unha importante afluencia de público e de que a Lei protexe o acceso deste ós plenos municipais. En troques, o Concello decidiu permitir o acceso dun número de persoas inferior incluso ó de axentes presentes na sala, persoas que foron ademais identificadas e cacheadas. Aínda que o avanzar a sesión, sen incidentes salientables por certo, foron quedando sitios libres, en ningún momento se permitiu o acceso dalgunha das persoas concentradas no exterior.

Por se estes feitos non tivesen xa gravidade dabondo, a Policía Local, que se encargaba de controlar ás persoas concentradas ás portas do Concello, comezou a tomar imaxes fotográficas dos veciños. Obviamente en ningún momento solicitaron o permiso das persoas fotografadas, presuntamente en previsión dunha posterior identificación. A xente comezou a protestar perante a manifesta ilegalidade do acto, e só entón os axentes desistiron no seu empeño.

Ó coñecer estes feitos, que foron amplamente difundidos nos medios de comunicación, o Movemento polos Dereitos Civís levou a cabo diversas iniciativas para denunciar a violación de distintos dereitos fundamentais. A asociación púxose en contacto nun primeiro momento co Concello de Vigo, coa Comisión de Garantías de Vídeo-vixilancia de Galicia. Resultaba imprescindible que estes organismos se manifestasen sobre a violación, por unha banda, do dereito á participación na vida pública causado ó negar a publicidade do pleno, e por outra sobre a lesión do dereito á intimidade e á propia imaxe ocasionado pola toma de fotografías sen as garantías previstas pola Lei de Protección de Datos.

Desinterese das institucións
Dada a ausencia dunha reposta por parte destas institución, o Movemento contactou co Defensor del Pueblo e co Valedor do Pobo, para facerlles partícipes da situación e solicitarlles que esixisen unha resposta ás institucións. Cun retraso que no mellor dos casos foi de varios meses as administracións foron respondendo as insistentes solicitudes do MpDC, en xeral desentendéndose nun modo ou noutro da cuestión. A Comisión de Vídeo-vixilancia limitouse a sinalar que non consideraba que os feitos fosen da súa competencia, mentres o Concello de Vigo remitiuse a un informe da Policía Local. O devandito informe xustificaba a privación do dereito de acceso ó pleno nas instrucións recibidas do Goberno municipal, baseadas na previsión discrecional de posibles incidentes; polo que se refire a toma ilegal e non regrada de imaxes dos cidadáns, o concelleiro delegado de Seguridade a definía, nun indiscutible alarde de enxeño, coma “simulacro de toma fotográfica sin carrete”. O Valedor e o Defensor, pola súa banda, limitáronse a tomar nota da existencia de restricións e danos dos dereitos dos cidadáns e a esixir ás administracións que respondesen ás petición do MpDC, desentendéndose da calidade e coherencia das respostas e renunciando a investigar en profundidade os feitos.

O Movemento aferrábase aínda á posibilidade de que a Axencia Española de Protección de Datos, perante o evidente e documentado incumprimento da Lei en materia de protección de datos e vídeo-vixilancia, decidise sancionar ó Concello e á Policía Local. A AEPD comunicou de feito que estaba a investigar os feitos denunciados, respondendo ás sucesivas peticións de información por parte do MpDC. Finalmente, tras máis de dous anos de “duras investigacións”, o organismo comunicou recentemente ó Movemento polos Dereitos Civís que desestimaba a posibilidade de sanción, posto que, ó parecer, as cámaras coas que se cometeran as infracción non tiñan carrete. A AEPD tampouco consideraba necesario, en fin, cuestionar ou verificar a veracidade do único e risible argumento aportado pola Policía.

O Movemento polos Dereitos Civís fica profundamente preocupado pola facilidade coa que as diversas institucións encargadas de velar pola integridade dos dereitos e liberdades ignoran unha dobre e flagrante violacións das mesmas. Preocupa sobre todo a porta que se deixa aberta para que alcaldes suspicaces ignoren o principio de publicidade dos plenos municipais escudándose en suposicións a apriorísticas, para que se abuse de instrumentos de vixilancia regrados por lei e se escuse logo afirmando que as cámaras non tiñan carrete ou os dispositivos en realidade non estaban gravando. Perante esta tolerancia do intolerable, o Movemento polos Dereitos Civís pode só reafirmar o seu compromiso de denunciar feitos similares, sempre na defensa dos dereitos fundamentais das persoas.

0 comentarios:

Publicar un comentario