Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC esixe nos xulgados á Delegación do Goberno que lle permita comprobar se existe autorización para as cámaras do Polígono de O Ceao en Lugo

Written By Virgulino on 3/12/08 | 12:36

O Movemento polos Dereitos Civís presentou unha demanda reclamando o seu lexítimo dereito de acceso ós expedientes que supostamente conteñen a autorización da Delegación do Goberno para a instalación de cámaras de seguridade no Polígono de O Ceao, en Lugo. A intención da asociación era simplemente corroborar as informacións aparecidas na prensa segundo as cales os dispositivos contarían efectivamente cos correspondentes permisos e informes. A Delegación decidiu en cambio obstaculizar esta iniciativa, encamiñada a tutelar o interese colectivo e a evitar unha posible violación da legalidade. Escúdase a administración en afirmar que o Movemento non é unha figura interesada no caso, coma se a defensa das liberdades dos cidadáns perante invasións ilexítimas non fose o seu principal obxectivo e, en xeral, compromiso e dereito de todos.

O interese do Movemento polos Dereitos Civís no caso naceu a raíz dunhas informacións aparecidas na prensa en abril deste mesmo ano. A noticia informaba da instalación de nada menos que trinta cámaras de vídeo-vixilancia no Polígono de O Ceao, na periferia da capital lucense, e sostiña que segundo os responsables municipais o sistema contaba coa autorización da Delegación e co informe positivo da Comisión de Garantías de Galiza. A asociación dirixiu entón un escrito á Delegación, coa simple finalidade de confirmar estes datos e asegurarse da efectiva legalidade das cámaras. Se o informe e a autorización existían realmente e respectaban a lexislación vixente, non existía motivo algún para denegar o acceso ó expediente.

Escusas e transparencia
Sen embargo, a Delegación do Goberno comunicou ó MpDC a denegación do acceso ós ficheiros, aducindo que non consideraba á asociación parte interesada no proceso. Esta ven sendo a escusa que as diversas institucións – concellos, Valedor, delegación – utilizan de cando en vez para absterse do principio de transparencia que debería presidir a súa relación coa cidadanía. Obviamente, estas decisións arbitrarias non atopan respaldo algún na Lei, que recoñece ás asociacións sociais coma titulares de intereses lexítimos colectivos. Queda fora de toda discusión se asegurarse da legalidade duns dispositivos que poden atentar contra os dereitos fundamentais das persoas é un interese colectivo ou non.

Non se pode infravalorar a gravidade da actuación da Delegación do Goberno. Vulnerar o dereito de acceso significa tamén vulnerar o dereito de información, e, en última instancia, coartar as posibilidades da cidadanía de participar critica e conscientemente na vida pública. Oporse á simple vontade de comprobar o cumprimento da legalidade nunha actuación administrativa é atentar contra o principio de transparencia que debe presidir o comportamento das administracións. O Movemento polos Dereitos Civís espera que sentenza do xulgado repare os danos a estes dereitos e restableza este principio, permitindo o acceso ó expediente e a comprobación da legalidade das cámaras instaladas en O Ceao.

0 comentarios:

Publicar un comentario