Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC aproveita o Día da Constitución para reflexionar sobre as continuas vulneracións dos dereitos recollidos nela

Written By Virgulino on 6/12/08 | 13:07

O Movemento polos Dereitos Civís quere unirse ás celebracións coas que se festexa o trinta aniversario do texto constitucional. Por outra banda, a asociación considérase na obriga de aproveitar esta data para denunciar as continuas vulneracións que se cometen dos dereitos protexidos na Carta Magna. Resulta paradoxal que as mesma institucións e administracións que hoxe se encherán a boca con boas palabras e se conxurarán na súa defensa perante agresións reais ou imaxinarias, son as primeiras en atentar contra os dereitos fundamentais recollidos no Título I da Constitución.
Fai escasas semanas, o Comité de Dereitos Humanos da ONU facía públicos os resultados do seu informe sobre a situación no estado español, e as conclusións eran cando menos alarmantes. O Comité denunciaba a persistencia dun fenómeno coma a tortura, e a conseguinte violación do dereito á integridade física e moral. O informe alertaba tamén sobre outras violacións que se están producir en eidos coma os dereitos dos estranxeiros ou a seguridade xurídica.

A propia asociación leva todo o ano sinalando intolerábeis violacións dos dereitos e liberdades do cidadán, a miúdo cometidas coma diciamos, pola mesma administración. En concreto, o Movemento polos Dereitos Civís presentou nos últimos tempos múltiples denuncias do atentado contra o dereito á vida privada que supón a proliferación de cámaras ilegais de vídeo-vixilancia. Sen as oportunas garantías, o uso destes dispositivos deriva nunha violación do dereito á intimidade, á honra e á propia imaxe.

Outras das denuncias recorrentes do MpDC garda relación con algúns dos dereitos fundamentais máis desprezados pola administración: todos aqueles que posibilitan a participación efectiva do cidadán na vida pública. Atópanse naturalmente entre estes o dereito de acceso, o dereito á información ou o dereito de petición. En xeral, cómpre sinalar que as administracións fracasan un ano máis nos seus tan anunciados propósitos de transparencia nas relacións coa cidadanía. Do mesmo xeito, cunhas actuación non só escuras senón descaradamente parciais, as diversas institucións vulneran sen pudor o principio de igualdade perante á lei. Unha recente enquisa da asociación demostraba que os cidadáns consideran que a Xustiza, por exemplo, tende a favorecer os intereses das administracións fronte ós do cidadán. Iso por non falar das trabas inconcibibles coas que se atopan aínda os dereitos de asociación, manifestación e folga, ou ás dificultades para actuar unha aconfesionalidade efectiva do estado que garanta a liberdade de crenza.

O día da Constitución debería servir, segundo o Movemento, ante todo para reler, revisar e reivindicar este texto e os dereitos que nel se protexen. Para que as institucións reflexionen sobre ata que punto as súas actuacións se adecúan ó espírito e á letra da Constitución. E, sobre todo e máis aló desta data significativa, é compromiso do Movemento polos Dereitos Civís e debería selo da administración defender sempre e en calquera circunstancia o respecto escrupuloso de todos os dereitos e liberdades cos que nos dotamos trinta anos atrás.

0 comentarios:

Publicar un comentario