Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento denuncia que a autorización da vídeo-vixilancia no centro histórico de Lugo caducou fai sete meses e solicita a retirada das cámaras

Written By Virgulino on 1/12/08 | 11:42

O Movemento polos Dereitos Civís presentou nos últimos días unha demanda contra a Delegación do Goberno, esixindo a retirada das cámaras de vídeo-vixilancia instaladas ilegalmente no centro histórico de Lugo. A propia Delegación recoñeceu nun escrito que a autorización para o emprego das cámaras caducou e que non foi solicitada a renovación da mesma nos prazos sinalados pola lei, mais non procedeu á lóxica retirada dos dispositivos. As cámaras levan funcionando ilegalmente polo menos dende Abril deste ano, sen que existan xa que logo as garantías de que no se están a violar os dereitos á intimidade, á propia imaxe e á honra dos lucenses.
A asociación tivo coñecemento en Xaneiro de 2008 da existencia de cámaras de seguridade no centro histórico de Lugo, que gravaban permanentemente e enviaban as imaxes á policía. O MpDC solicitou mediante un escrito información á Delegación do Goberno, co obxectivo de asegurarse da existencia das pertinentes autorizacións. A Delegación comunicou en Abril que dita autorización caducara ese mesmo mes, e que o Concello de Lugo non solicitara a renovación.

Informada destes feitos, a asociación solicitou á Delegación a inmediata retirada das cámaras, dende o momento en que carecían de autorización e estaban a rexistrar imaxes ilegalmente. A única resposta recibida foi unha comunicación da Delegación na que se informaba de novo da caducidade da autorización, mais, incomprensiblemente, a administración non procedeu á retirada do dispositivo.

O Movemento polos Dereitos Civís solicita agora na súa demanda perante o xulgado que se faga efectiva a desinstalación das cámaras ilegais. A lei establece que a renovación da autorización débese solicitar dous meses antes da caducidade da mesma. O Concello de Lugo, ó incumprir os prazos previstos, está na obriga de solicitar unha nova autorización á Delegación do Goberno, demostrando que cumpre con todos os requisitos esixidos legalmente. Entre outras cousas, isto esixe a presentación dun informe no que se detallen as situacións de perigorosidade evidentes e demostradas que fagan imprescindible a instalación das cámaras.

Cómpre aclarar que a Delegación do Goberno non chegou a acreditar en ningún momento que efectivamente se solicitou e outorgou debidamente a autorización para a instalación das cámaras no seu momento. Atopámonos en calqueia caso perante un cúmulo tal de ilegalidades que única solución posible é a retirada inmediata das cámaras e a sanción das administracións implicadas. Aínda así, as cámaras terán funcionado durante varios meses sen autorización, vulnerando os dereitos fundamentais dos cidadáns. O Movemento polos Dereitos Civís seguirá denunciando a instalación ilegal de dispositivos de vixilancia, e invita ós concellos galegos a dotarse de medidas alternativas que resulten menos lesivas dos dereitos e liberdades individuais e se adecúen mellor á súa finalidade.

0 comentarios:

Publicar un comentario