Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Estado di que non ten lexitimidade para retirar as cámaras instaladas ilegalmente polos concellos.

Written By Virgulino on 16/12/08 | 11:34

O Avogado do Estado afirma que “a Delegación do Goberno nin ningún outro órgano da Administración do Estado pode retirar unhas cámaras instaladas por unha Administración distinta e plenamente autónoma cal é unha Corporación Local”.

No procedemento que se está a seguir no concello de O Grove pola instalación ilegal de videocámaras na Casa da Cultura, a avogacía do Estado afirma que a Delegación do Goberno no pode actuar contra as cámaras ilegais instaladas polas administracións locais. Iso a pesar de que a Lei e o Regulamento de Vídeo-vixilancia encomendan á representación do Estado nas comunidades autónomas a concesión ou non da autorización para que se instalen estes aparellos de gravación.

Para o Movemento polos Dereitos Civís resulta curioso que a Administración que ten encomendando outorgar esas autorización non considere ningún tipo de medida contra aqueloutras administración que non cumpren coa propia norma ou se negan a solicitar a devandita autorización. A maiores, e coma se o anterior non fora suficientemente irregular, a Delegación do Goberno pretende que o Xulgado non acepte as denuncias do MpDC. O Sr. Ameijeiras non só non fai cumprir a Lei e o Regulamento de Vídeo-vixilancia, senón que pretende que a asociación non poida reclamar o cumprimento destas normas nos xulgados.
Por outra banda, o avogado do Estado recoñece que a Delegación do Goberno no fixo ningunha investigación sobre a situación das cámaras da Casa da Cultura de O Grove. Aínda así atreveuse a facer valoracións sobre a súa instalación ao afirmar que a contestación da “Delegación do Goberno (que non encontraba motivos de intervención) parte sen dúbida da consideración de que as videocámaras ás que se refería o escrito da recorrente estaban situadas no interior do edificios”.

O Movemento polos Dereitos Civís considera que a Delegación do Goberno, ao afirmar a estas alturas que consideraba que as videocámaras referidas estaban situadas no interior do edificios, limítase a realizar un patético intento de xustificar a súa inactividade. O MpDC pregúntase se realmente a Delegación cumprirá co seu mandato e se comprobará que as cámaras estaban no exterior, e se tomará algún tipo de medida ó respecto. Por último, cómpre interrogarse sobre os motivos polos cales, se finalmente afirman que non o poden facer, queren negar ao MpDC a potestade para facelo.

0 comentarios:

Publicar un comentario