Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

U.K. á cabeza da expansión da videovixilancia

Written By Virgulino on 11/11/08 | 12:36

Francisco Alvedro López. Membro de Liberty U.K.

Fai xa 10 anos que o entón Secretario do Home Office (HO), Michael Howard, tomou a decisión inicial de destinar substanciais sumas de diñeiro público para establecer centos de sistemas de vixilancia pública a través do Reino Unido, facendo uso do pouco testado medio das cámaras de circuíto pechado de televisión (CCTV). Aproveitouse o asasinato do neno Jamie Bulger en 1993, e o subsequente uso das CCTV para axudar a identificar e condenar aos seus asasinos, todo iso en estreita conexión coa histería dunha opinión pública ben axitada polos sensacionalistas xornais do país. 
  


Desde entón, o Reino Unido é o lider mundial en vídeo vixilancia. Gran Bretaña é monitorizada por 4 millóns de cámaras de circuito pechado de T.V. (CCTV), converténdose na nación máis vixiada do mundo, ata o punto de que na actualidade hai unha cámara por cada 13 persoas en UK e se ti vives en Londres, é moi probable que esteas nunhas 300 cámaras ao día. 

Na década pasada, o HO gastou o 78 % do seu orzamento para a prevención do crime nas CCTV, antes de asesorarse convenientemente sobre a súa efectividade para evitar ou detectar o crime.  
  


Por suposto que as cámaras de vixilancia conseguiron algúns éxitos e publícanse regularmente grandes reportaxes sobre a efectividade das CCTV. Ademais, aínda que o UK ten unhas garantías constitucionais relativamente débiles, ó longo deste periodo de tempo tivo standards de control relativamente altos das CCTV do sector público, o que axudou ó mantemento dos seus niveis de apoio popular.


A policia de Strathclyde (Escocia) recentemente asegurou que detectaran unha caída do 75% no crime seguindo a instalación de 130.000 sistemas de circuíto pechado en Airdrie. En Kings Lynn, o roubo e o vandalismo en zonas industriais reduciuse á mínima expresión e o crime nos parkings descendeu un 9%. Ata os asaltos e crimenes máis violentos parecen descender claramente no centro das cidades.

O goberno cre que as CCTV disuaden o "delito oportunista" nos que a xente toma vantaxe dunha situación de caos. Phillip Edwards, do HO, engade: "os que hoxe son oportunistas mañá serán profesionais, así que se evitamos as oportunidades para o crime tambien estaremos reducindo o número de futuros delincuentes profesionais". 
 
A aceptación pública e a percepción sobre o éxito dos sistemas de CCTV permanece sen cambios e, en xeral, continua sendo de apoio ao seu uso e expansión. O que si cambiou é a natureza do sistema en se mesmo, pois as súas actuais aplicacións e o seu potencial exceden de lonxe os termos da súa concepción orixinal. Agora, a tecnoloxía e o uso que se pode facer dela avanzou a pasos de xigante e é máis apropiado falar de vídeo vixilancia, en xeral, que de cámaras de circuito pechado.

Innovacións tecnolóxicas, cerco ás liberdades civís.



O problema é que Scotland Yard necesita unha serie de iniciativas complementarias para fortalecer a evidencia das CCTV, que estreitan aínda máis o cerco das liberdades civís dos británicos. A Visual Images, Identification and Deetections Office (VIIDO), está preparando un novo esquema que tratará de aumentar as conviccións naqueles procesos que poidan utilizar as probas audiovisuais. Este novo esquema inclúe a creación dunha base de datos, que será nacional nun futuro próximo, baseada na identificación biométrica dos individuos mediante un software de "recoñecemento facial" que escanea os rostros das persoas nas multitudes e que pronto poderá ser utilizada en conxunción con outras bases de datos estatais. Os detalles están actualmente en discusión coas empresas líderes do ramo, tratando de afinar a tecnoloxía e os procedementos co fin último de evitar as dúbidas éticas e os obstaculos legais. 
 


O certo, é que o avance da tecnoloxía da vixilancia cidadá é imparable e, por exemplo, moitas autoridades locais están considerando o uso de Sistema Automático de Recoñecemento de Matrícula, unha ferramenta para controlar os vehículos durante un crime ou o seu progreso. Inicialmente, está sendo considerado en casos vinculados ao crime serio pero non hai límites técnicos á súa potencial aplicación. O último gran cimento desta política de control público e a posiblidade de que o Ministerio de Facenda poida calcular o Imposto de Circulación dos coches a través da implantación de dispositivos GPS no interior dos mesmos, o que está provocando grandes doses de oposición ata entre os sectores mais conservadores da sociedade. 
 


A lóxica e as estatísticas son impresionantes pero algúns analistas non están tan convencidos sobre o impacto das CCTV. Jason Ditton, do Instituto Escoces de Criminoloxía, afirma que moitas das cifras que se manexan son pura fantasía e que "nós comprobamos que é unha tecnoloxía nada fiable para atallar o crime". O certo é que se analizamos as cifras das CCTV, o panorama non parece tan positivo.

Reducción ou desprazamento do crime?

Tres recentes estudos criminolóxicos (Home Office, South Bank, Scottish Office) desacreditan o valor das CCTV, pois as estatísticas criminais non recollen que as CCTV meramente desprazan as actividades criminais pero non as reducen. Dado que a maior parte das cámaras están asentadas en zonas de alto valor comercial, obsérvase que o crime estase desprazando a áreas residenciais de menor renda. Ata o prestixioso Bristish Journal of Criminology, describe as estatísticas como "un absurdo autobombo sen apenas valor real". 
 


Este claro desprazamento das actividades criminais debería ser un elemento adicional de grave preocupación pois por mor desta confianza excesiva nas CCTV, outras medidas máis tradicionais de disuasión do crime, baseadas no traballo e esforzo da comunidade, están sendo esquecidas ou descartadas. Aquela mesma policia de Airdrie que afirmaba que o crime case desaparecera grazas ás CCTV, recoñece que si pode existir ese desprazamento das actividades delictivas. Os estudos criminolóxicos establecen que os delincuentes están dispostos a percorrer grandes distancias para realizar as súas actividades, e mesmo o Presidente do Distrito Centro de Manchester, Gordon Conquest, admitía, tras a inauguración dun novo sistema de vixilancia, que "desprazar o crime era o mellor e máximo que nestes momentos podíase lograr". 
 


A Unidade para a Prevención do Crime do HO, parece acordar con iso. Os seus informes internos están de acordo en que o "efecto desprazamento" foi deliberadamente ignorado. Noutras palabras, que o crime foi meramente empuxado cara ás zonas de máis baixa renda pois os concellos, moi a miúdo, non poden resitir as demandas dos poderosos empresarios das zonas centro das cidades. Todo iso magnifícase pola influencia da industria do seguro, que en moitas cidades está ofrecendo un 30 % de reducción nas cotas a pagar por aqueles negocios ou particulares que instalen cámaras de vixilancia privadas. E estas declaraciónes sobre o desprazamento do crime son comúns ás forzas policiais da case totalidade do territorio estatal. 
 


Aínda que as implicacións que a videovixilancia tiveron para as liberdades públicas causaron unha preocupación só relativa na sociedade británica, debido a unha serie de casos moi ben publicitados nos que as CCTV conseguiron un indubidable exito, hai unha serie de factores que se deben seguir esixindo estritamente aos poderes públicos, pois non hai dúbida de que a video vixilancia a gran escala ten un gran impacto sobre os individuos.

Ata unha circunstancia que podería parecer positiva a primeira ollada, como que as porcentaxes de condenas son moito maiores naqueles delitos que son videograbados, co consecuente aforro nos exorbitados custos xudiciais da administración, non o é tanto cando se somete a un profundo escrutinio. Moitos expertos legais din que este tipo de evidencias provocan que os avogados defensores permanezan intimidados e renuncien ás defensas cando, en moitos dos casos, a mesma evidencia non admitiría unha investigación a fondo. É máis, moitas Cortes Locais están reportando que a xente renuncia a someterse a procesos legais, con razón ou sen ela, coa simple mención no xornal de que as súas alegadas actividades foron recollidas en CCTV. 
 


O arrefriado no desexo dos cidadáns de participar en actividades públicas ou o risco de sobrerreacción por sentirse vixiado son cuestións que véñense observando habitualmente, mais a preocupacións alcanzaría graves proporcións se o son é gravado ou se permite aos operadores de cámara falar aos peóns. Iso daría lugar a innecesarias restricións sobre os comportamentos e a liberdade de movementos que, en calquera caso, xa se están vendo afectados.

Efectividade real e aceptación popular da videovixilancia


Pero, ¿recortan verdadeiramente o crime as CCTV? As enquisas revelaron un forte apoio para a Sociedade da Vixilancia, nun Reino Unido cun altísimo grao de delincuencia nas rúas. A confianza pública parece estar nembargantes erroneamente asesorada, xa que Mick Neville, Inspector Xefe de Scotland Yard, e Phillip Webb, un dos grandes especialistas do tema, admiten que as cámaras fallaron en cortar significativamente os delitos, e que a súa incidencia entre o crime xuvenil é moi escasa pese ó investimento de miles de millóns de libras feito nos diversos programas.

Incluso a propia industria do ramo, recoñece que o efecto disuasor diminuíu ata o punto de que só o 3% dos crimenes en Londres foron solucionados utilizando esta tecnoloxía, a pesar de ser ter máis cámaras de seguridade que ningunha outra gran capital en Europa. Os propios informes do HO sinalan que "no mellor dos casos, as CCTV poden traballar conxuntamente con outras medidas pero non son a panacea e hai moito que aprender sobre como usalas cunha verdadeira utilidade". Os 14 estudos feitos polo HO mostraron variacións sobre o impacto das CCTV e demostraron que non tiveron incidencia na redución de delitos nas zonas centricas das cidades e que soamente en certas áreas residenciais o número de crimes descendeu. 
 


O certo é que a foto está nubrada. Mentres os defensores da tecnoloxía describen a oposición como marxinal, a realidade é moito menos concluínte. Nunha enquisa moi ampla do goberno británico entre miles de residentes, estes expresaban varias preocupacións sobre aspectos craves da videovixilancia. Máis do 50% crían que nin as administracións públicas nin as firmas privadas de seguridade deberían poder tomar decisións sobre a instalación de cámaras en espazos públicos; un 72 % pensaba que era un sistema de control do que se podía abusar facilmente; un 39 % non tiña ningunha confianza nas xentes que tiñan control sobre eses sistemas; un 37 % tiña claro que no futuro o Goberno utilizaría está tecnoloxía no futuro para controlar á xente e o 10% pensaba que as CCTV deberían ser prohibidas completamente, pois atentaban contra o núcleo mesmo da privacidade e os dereitos civís. 



Outra interesante conclusión da enquisa do HO foi que o 36% dos participantes non estaban dacordo coa afirmación de que "máis cámaras máis seguridade". Mais sen dúbida o máis importante, decisivo, e o que demostra que o noso traballo en Liberty e no MpDC está ben encamiñado, é ese apartado do amplísimo traballo de campo que di que os británicos son menos propensos a apoiar os programas de videovixilancia canto máis informados estan sobre eles, e cando son coñecedores de todos os seus recunchos operativos e legais.

0 comentarios:

Publicar un comentario