Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC rexeita as sancións contra a liberdade de manifestación dos gardas civís

Written By Virgulino on 5/11/08 | 15:52

O Movemento polos Dereitos Civís expresa o seu rexeitamento ante a posibilidade de que algúns gardas civís sexan sancionados pola súa participación nunha manifestación o pasado 18 de Outubro. A asociación manifesta a súa decepción pola nova aparecida na prensa, e agarda que prevaleza finalmente ó dereito á liberdade de expresión e manifestación, tal e como se recolle na Constitución e na recente Lei de dereitos e deberes da Garda Civil.

A Asociación Unificada de Guardias Civiles (AUGC) cifrou en máis de 3000 os axentes que acudiron o pasado día 18 a unha manifestación en Madrid en prol dunha mellora das condicións salariais dos gardas civís e os policías nacionais. Iso a pesar de que nos días previos o director da Policía e a Garda Civil, Francisco Javier Velázquez, asinou unha circular na que advertía de posibles sancións para os participantes, baseándose nunha interpretación interesada e lesiva dos dereitos fundamentais dos artigos 8 e 9 da Lei Orgánica 11/2007 de dereitos e deberes dos membros da Garda Civil. As ameazas do mando fixeron si que a citada asociación profesional renunciase ó seu rol na convocatoria da manifestación, mais non impediron o exercicio da liberdade de expresión e manifestación de moitos dos seus membros.

Dende o MpDC quérese resaltar que a manifestación do 18 de outubro non supuxo unha vulneración de ningún dos supostos do artigo 8 da citada lei orgánica: a manifestación non foi organizada por gardas civís a título individual, e os que asistiron non portaban armas, uniformes ou elementos identificativos, nin vulneraron a neutralidade política. A dirección do corpo escúdase no suposto carácter sindical da manifestación e na prohibición de actividades deste tipo recollida no artigo 9 da Lei 11/2007 para coaccionar nun primeiro momento e sancionar despois ós participantes na manifestación. Non obstante, o feito de que a manifestación fose convocada polos diversos sindicatos policiais non conleva necesariamente o carácter sindical da mesma; o dereito á manifestación non se encadra dentro das medidas propias e exclusivas dos sindicatos – negociación colectiva e convocatoria de folgas, non está explicitamente prohibido no artigo 41 da Lei 11/2007 como sucede en cambio con estas dúas medidas, e é un dereito de todo cidadán.

O Movemento polos Dereitos Civís manifesta en fin o seu estupor ante o uso dun criterio de “especial significación durante a manifestación” como regulador da apertura de expediente e expresa a súa solidariedade cos sancionados. Do mesmo xeito que denunciou nestes anos as infraccións e as vulneracións dos dereitos dos cidadáns por parte de membros das Forzas e Corpos de Seguridade, a asociación continuará a defender o exercicio dos dereitos e liberdades dos mesmos.

0 comentarios:

Publicar un comentario