Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC reitera a súa denuncia do emprego desproporcionado da prisión preventiva perante a posta en liberdade de Xiana Rodríguez

Written By Virgulino on 11/11/08 | 23:37

O Movemento polos Dereitos Civís recibiu hoxe a nova da posta en liberdade de Xiana Rodríguez, a moza galega que pasou máis de tres anos en prisión preventiva en diversos cárceres estatais, acusada dun delito de terrorismo. Dedúcese desta decisión da Audiencia Nacional que a sentencia, aínda en proceso de redacción, exculpará a Xiana ou a condenará en todo caso a unha pena inferior ó tempo xa pasado en prisión. Perante esta situación, o MpDC síntese obrigado a reiterar a súa denuncia de que a aplicación arbitraria e a duración desproporcionada dun recurso puntual coma a prisión preventiva está a vulnerar de maneira flagrante os dereitos e liberdades máis básicos dos cidadáns.
Non é necesario entrar a valorar as supostas accións dos acusados para considerar aberrante a posibilidade de que unha persoa pase no cárcere, en espera dun xuízo e sen condena algunha, períodos de ata catro anos, coa terrible posibilidade engadida de que a sentenza do tribunal considere finalmente, como semella será o caso, que dito período de reclusión non estaba realmente xustificado segundo a Lei. Cómpre preguntarse a este punto de que xeito se pode resarcir a unha persoa por varios anos perdidos da súa vida, non xa debido a unha errónea decisión xudicial senón pola aplicación sistemática e excesiva dunha medida cautelar extrema. Non é casual que o informe do Comité de Dereitos Humanos sobre o estado español, que se fixo público fai escasos días, incidise na necesidade de regular o excesivo emprego da prisión preventiva e criticase o emprego da "duración da pena aplicable como criterio para determinar a duración máxima da prisión provisional".

Recordemos que a prisión preventiva ou provisional é unha medida cautelar consistente na privación do dereito á liberdade persoal, encamiñada a evitar a fuga do acusado, a reincidencia ou a obstrución ás investigacións, aplicable única e exclusivamente no caso de que non existan medidas igualmente eficaces e menos lesivas. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos estableceu que a aplicabilidade e a duración da prisión preventiva deba ser avaliada caso por caso, atendendo sexa á gravidade do delito que ó risco de fuga ou á complexidade investigativa do caso. En calquera caso, os individuos en prisión preventiva teñen dereito a ser xulgados ou postos en liberdade nun prazo razoable, e o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos considera que as autoridades deben demostrar unha "especial dilixencia" nestes casos.

A Lei de Enxuízamento Criminal establece como condicións para a aplicación da prisión preventiva a existencia dunha pena máxima aplicable de polo menos dous anos, e a existencia así mesmo de "motivos bastantes" para considerar ó acusado responsable criminalmente do delito. No caso que nos ocupa, é lícito preguntarse se os indicios eran suficientes e consistentes dabondo para xustificar os máis de tres anos de prisión preventiva se foron finalmente descartados polo xuíz. Do mesmo xeito, tendo en conta que o artigo 504(2) da citada lei estipula un máximo de dous anos de prisión provisional, coa única excepción daqueles casos que pola súa complexidade non puidesen ser levados a xuízo nese período, cómpre preguntarse cales foron as circunstancias e elementos cuxa complexidade atrasou o proceso e ampliou ata eses intolerables tres anos a duración da prisión preventiva.

En calquera caso, non é a intención do Movemento polos Dereitos Civís afondar en cada un dos erres deste caso en concreto, senón denunciar unha situación estructural de violación sistemática das garantías constitucionais e do dereito á liberdade dos individuos. É absolutamente necesario tomar as medidas necesarias para poñer fin ás violacións de dereitos por parte do Estado denunciadas recentemente polo Comité de Dereitos Humanos, e no caso concreto da prisión preventiva abordar as reformas lexislativas necesarias ou adoptar as medidas procesuais oportunas para regular adecuadamente a súa aplicación e a duración da mesma.

0 comentarios:

Publicar un comentario