Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC estuda con preocupación as circunstancias legais no caso dos menores enviados irregularmente a Galiza

Written By Virgulino on 15/11/08 | 17:08

O Movemento polos Dereitos Civís seguiu con preocupación e perplexidade as sucesivas novas que se produciron durante esta semana no caso dos menores inmigrantes enviados, ó parecer irregularmente, dende Euskadi a territorio galego. A asociación está valorando as circunstancias legais do caso para determinar como e en que medida se viron afectados os dereitos dos menores. De feito, o aspecto máis rechamante de todo o caso é sen dúbida o absoluto desinterese e desprezo pola sorte dos rapaces que amosaron a práctica totalidade de axentes políticos e sociais que nestes días se interesaron polos feitos.

Neste sentido, o MpDC ten que aplaudir a honrosa excepción do Valedor do Pobo, que decidiu abrir unha das súas raras queixas de oficio, involucrando tamén ó Ararte vasco. A iniciativa semellaba inescusábel perante a gravidade do caso, e dende o Movemento se confía en que poida significar o comezo dunha nova actitude do Valedor cara os problemas sociais do país.

En cambio, resulta incomprensible a falta de seriedade e coherencia nas actuacións levadas a cabo pola Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza, que se viu obrigada a abrir a investigación ante a constatación da Policía Autonómica dunha chegada anormal de mozos inmigrantes, para logo ditar un decreto de arquivo e pasar o caso as súas homólogas de Bilbao e Vitoria. Dende o comezo a Fiscalía manifestou o seu desinterese, con sucesivas declaracións que trataban de diminuír a importancia do problema. Así, que a maioría dos rapaces tivesen "case dezaoito anos", que unha vez en Galiza tivesen "amparo e protección" ou o feito de que non fosen aparentemente as autoridades vascas as responsables dos envíos senón "responsables dos centros a título particular", son motivos que segundo a Fiscalía restan importancia ós feitos.

É terrible ata que punto a dobre condición de menores e inmigrantes dos mozos xustifica para algúns a vulneración dos seus dereitos máis básicos. O Movemento polos Dereitos Civís reclama unha solución ó problema que non se limite a delimitar as responsabilidades persoais e institucionais nos envíos, senón que analice a fondo as condicións dos diversos centros nos que residen os menores e, en xeral, que garanta o respecto dos seus dereitos e liberdades.

0 comentarios:

Publicar un comentario