Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC denuncia a agresión ó dereito de manifestación dos traballadores da limpeza en folga na provincia de Pontevedra

Written By Virgulino on 20/11/08 | 13:41

O Movemento polos Dereitos Civís denuncia e condena as intolerables agresións sufridas polos traballadores da limpeza en folga na provincia de Pontevedra e os continuos intentos de reprimir o seu dereito á liberdade de manifestación. O MpDC expresa a súa solidariedade cos feridos onte por mor da desproporcionada actuación da Policía ás portas do edificio da Xunta de Galiza en Vigo, e estuda medidas legais perante a gravidade dos feitos. O sucedido onte é, sen embargo, só unha máis das sucesivas intervencións das Forzas e corpos de Seguridade encamiñadas a coartar as iniciativas dos traballadores en folga. O sindicatos denunciaron xa dende os primeiros días do paro a acción intimidatoria da policía, con numerosas e arbitrarias identificacións dos manifestantes.
O MpDC apoia ós traballadores ante estas evidentes agresións ós seus dereitos e liberdades. A asociación quere denunciar a desproporcionada actuación policial, que saldouse con dúas traballadoras feridas. Transito Fernández, secretaria comarcal de servizos da CIG de Vigo, resaltou a agresividade coa que actuaron os membros das forzas de seguridade, e denunciou o machismo latente no se comportamento coas traballadoras da limpeza que se concentraban pacificamente.

As dúas traballadoras feridas, unha con fortes convulsións e a outra con danos na perna, presentaron denuncia polo maltrato sufrido. Así mesmo, as manifestantes decidiron presentar unha denuncia colectiva por acoso, intimidación, coacción e persecución. O Movemento polos Dereitos Civís non descarta pola súa banda emprender medidas legais para defender os dereitos á folga e á liberdade de manifestación, avasalados pola acción policial.

Os gravísimos feitos de onte encádranse dentro da acción represiva desenvolvida polas forzas de seguridade e polas propias empresas. Xa o luns e o martes denunciárase dende a CIG as accións hostís da Garda Civil e a Policía en Pontevedra e Vigo, onde os axentes procedían a solicitar arbitrariamente a identificación dos folguistas e ameazaban con cargas policiais que por fortuna non se produciron. Ó mesmo, tempo, os convocantes do paro víanse na obriga de denunciar as prácticas ilegais das empresas, que substituíron o persoal en folga con outros traballadores non pertencentes ó sector. O Movemento polos Dereitos Civís considera que tanto a desproporcionada e violenta intervención policial de onte, como as continuas intimidacións contra os traballadores por parte da policía ou as amezas e ilegalidades das empresas constitúen un tentativo global de amedrentar ós folguistas e de atentar contra os seus dereitos fundamentais. O Movemento comprométese a continuar facendo públicos estes feitos e, eventualmente, a denuncialos nas sedes competentes.

0 comentarios:

Publicar un comentario