Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento presenta unha demanda para solicitar a retirada das cámaras de vixilancia ilegais no MARCO de Vigo

Written By Virgulino on 17/11/08 | 17:20

O Movemento polos Dereitos Civís presentou unha demanda contencioso-administrativa contra a resolución da Delegación do Goberno en Galicia que permite continuar ó Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO) coas gravacións captadas ilegalmente por cámaras de seguridade instaladas no exterior do edificio. O recurso presentado polo MpDC rebate razoadamente a negativa da Delegación a considerar como ben de carácter público o edificio, e esixe a consecuente aplicación da Lei Orgánica 4/1997 que regula a instalación de cámaras en lugares públicos. Ó non ter solicitado o MARCO os preceptivos informes e autorizacións para a instalación, a aplicación da lei leva consigo necesariamente a retirada das cámaras, tal e como solicita a asociación.

O Movemento polos Dereitos Civís tivo coñecemento a finais do 2007 da presenza de cámaras de vídeo-vixilancia cun radio de gravación de 360º ó redor do edificio do MARCO, que rexistraban imaxes do entorno do museo e da céntrica Rúa Príncipe. A asociación púxose en contacto coa Delegación do Goberno, coa Axencia Española de Protección de Datos e co propio MARCO para asegurarse de que a instalación das mesmas se levara a cabo cumprindo cos requisitos previstos na Lei 4/97 e no Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real Decreto 596/1999, que estruturan a utilización de videocámaras polas Forzas e Corpos de Seguridade en lugares públicos. O MpDC solicitou así mesmo que, no caso de que non existisen os informes e autorizacións pertinentes, a Delegación procedese á retirada das cámaras.

A Delegación do Goberno informou en xullo deste mesmo ano de que non tiñan constancia de ningunha solicitude de instalación de dispositivos de vídeo-vixilancia. Sorprendentemente, informou tamén de que non consideraba que concorresen as circunstancias necesarias para aplicar a Lei 4/1997 e rexeitaba a petición de retirada das cámaras. O recurso que presenta agora a asociación demostra claramente como o edificio do MARCO debe ser considerado ben público, espazo no que a instalación de cámaras está reservada ás Forza de Seguridade segundo os presupostos da mencionada lei.

O Real Decreto 1372/1986, do 13 de Xuño, polo que se aproba o Regulamento de Bens das Entidades Locais, inclúe os museos entre os bens considerados de servizo público. Os mesmos estatutos da Fundación Marco describen a sede da fundación coma un “edificio, de propiedade municipal, destinado ó Museo de Arte Contemporánea de Vigo, de natureza demanial adscrito a un servizo público”. O Movemento polos Dereitos Civís considera que estes argumentos demostran de forma evidente que estamos a falar dun espazo público, o que implica necesariamente a aplicación da Lei 4/1997. Dado que en ningún momento se seguiu o procedemento previo de solicitude de autorización para a instalación das vídeo-cámaras previsto por dita lei, o Movemento considera a retirada do dispositivo unha medida imprescindíbel para rematar coa violación dos dereitos á intimidade, á honra e ó dereito á propia imaxe que se está a producir nestes momentos.

Cunha argumentación análoga a empregada noutros casos de instalación ilegal de dispositivos de vídeo-vixilancia, o MpDC sostén a nulidade de pleno dereito da resolución da Delegación, xa que esta se desentende do procedemento previsto pola lei. Do mesmo xeito, a inexistencia dunha autorización para as cámaras implica unha vulneración do principio de legalidade que debe presidir as actuacións da administración; un atentado contra o principio de seguridade xurídica – pois a Delegación ten a obriga, non a potestade, de solicitar a citada autorización; e, en fin, un incumprimento do principio da igualdade ante a lei perante o manifesto trato de favor recibido polo MARCO neste caso. A análise da Lei 4/1997 desvela tamén nesta instalación de cámaras de vixilancia unha evidente falta de proporcionalidade, un dos requisitos esixidos pola propia lei: non existen indicios de vandalismo na zona, e dificilmente se xustifican con meras suposicións a agresión ó dereito de privacidade e á honra que supón a presenza das cámaras.

O Movemento polos Dereitos Civís espera que o xulgado contencioso-administrativo número catro de A Coruña escoite os seus argumentos e retire as cámaras actualmente en funcionamento no entorno do MARCO. A asociación seguirá denunciando a instalación ilegal de dispositivos de vixilancia, e invita ós concellos galegos a dotarse de medidas alternativas que resulten menos lesivas dos dereitos e liberdades individuais e se adecúen mellor á súa finalidade.

0 comentarios:

Publicar un comentario