Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento polos Dereitos Civís únese á celebración do Día Mundial contra a Violencia de Xénero, que reclama a erradicación da violencia machista

Written By Virgulino on 25/11/08 | 10:19

Hoxe celébrase en todo o mundo o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O Movemento polos Dereitos Civís únese a todas as asociacións e colectivos que reclaman o fin da violencia machista en todas as súas formas, e a erradicación dos prexuízos e desigualdades baseados nas diferencias de xénero que existen na sociedade. Combater a violencia contra a muller significa loitar contra todas as súas expresións, dende a mutilación xenital á discriminación laboral, dende as mortes producidas no núcleo familiar ata o tratamento das mesmas nos medios de comunicación.

.De feito os medios seguen a ter unha importante responsabilidade na situación, incumprindo constantemente os auto-regulamentos polo que se refire ó tratamento da violencia de xénero. As administracións, pola súa banda, deben introducir medidas que posibiliten unha maior eficacia xudicial, e que garantan a protección asistencial das mulleres vítimas da violencia. A concienciación social, en fin, e o traballo no eido da educación serán as claves para acadar unha erradicación real da violencia de xénero na sociedade, unha das formas de violación dos dereitos fundamentais máis entendidas e toleradas no mundo.

A Organización de Nacións Unidas ven recoñecendo dende hai anos, con resolucións como a 1325 ou a 1820, que a loita contra a violencia sexual e a defensa específica dos dereitos das mulleres, sexa en conflitos armados ou ben nas sociedades pretendidamente desenvolvidas do chamado primeiro mundo, é imprescindible no camiño cara a seguridade e a paz duradeira. O 25 de novembro foi declarado o Día Internacional contra a Violencia de Xénero en 1981, e a ONU deu carácter oficial ó día en 1999. Elixiuse esta data en concreto para conmemorar a morte violenta das irmás Mirabal, tres activistas políticas asasinadas o 25 de novembro de 1960 pola policía secreta do ditador Rafael Trujillo, na República Dominicana

0 comentarios:

Publicar un comentario