Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento polos Dereitos Civís rebate os argumentos cos que o Concello de Santiago trata de seguir incumplindo a propia normativa de publicidade

Written By Virgulino on 26/11/08 | 11:22

O MpDC denuncia dende fai anos o reiterado incumprimento do alcalde da Ordenanza de Publicidade Estática e Dinámica. En setembro deste ano unha sentenza xudicial obrigaba a instalar espazos destinados á comunicación social. No seu escrito de oposición ó recurso, a asociación rebate as teses coas que o concello intenta evitar a execución do mandato do xulgado.

O Movemento polos Dereitos Civís presentou recentemente perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia un escrito de oposición ó recurso do Concello de Santiago, no caso do incumprimento da normativa de publicidade municipal. O Concello solicita a desestimación da sentenza que o obriga a habilitar os espazos para a comunicación social previstos na Ordenanza de Publicidade Estática e Dinámica aprobada polo propio concello en 2003. A decisión xudicial daba a razón ó MpDC nas súas reiteradas denuncias de que o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, aplicaba a normativa unicamente nos seus aspectos restritivos e punitivos, sen que se tivese levado a cabo de xeito efectivo as iniciativas para o favorecemento da comunicación social previstas na norma.

A asociación presentara unha solicitude en agosto de 2005 instando ó concello a cumprir coas súas obrigas legais. Non houbo resposta por parte da administración municipal, e constatouse que os escasos paneis que se colocaran estaban situados en lugares pouco transitados, mentres que no centro da cidade eran nulos e nas obras non se habilitaban os espazos obrigados. En casos coma este, a lei é moi clara, e outórgalle o silencio administrativo un efecto de resolución desestimatoria contra o que se pode interpoñer recurso, como o que de feito presentou o MpDC e que foi estimado polo xulgado.

O escrito presentado agora pola asociación rebate deste xeito o único argumento exposto en realidade no seu recurso polo concello, e demostra que a administración elude pola vía do silencio administrativo o cumprimento da normativa en materia de publicidade ditada por ela mesma. Ante a evidencia do caso, o Movemento polos Dereitos Civís non dubida que o TSXG confirmara a sentenza que obrigaba ó concello a instalar mupis e obrigar que nos peches de obra se dediquen espazos para a publicidade estática. O Movemento velará chegado o caso polo cumprimento da sentenza no respecto dos prazos establecidos, e resérvase en caso contrario a posibilidade presentar unha demanda por desobediencia contra o alcalde o que podería provocar a súa inhabilitación para cargo público.

0 comentarios:

Publicar un comentario