Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Concello de Santiago intenta frear no Tribunal Superior de Xustiza a sentenza que obriga a retirar as cámaras do centro histórico.

Written By Virgulino on 24/11/08 | 12:28

O Movemento polos Dereitos Civís desmonta no seu escrito de oposición ó recurso os argumentos cos que o concello intenta impedir a retirada dos dispositivos de vídeo-vixilancia da zona vella. A sentenza do xulgado establecera en setembro deste ano a ilegalidade das concesións de autorizacións para o uso das cámaras, que vulneraban os dereitos básicos. O Concello trata tamén de impedir a execución da sentenza provisional solicitada polo MpDC.
O Movemento polos Dereitos Civís ven de presentar perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza un escrito de oposición ó recurso presentado polo Concello de Santiago, no que este intenta impedir a retirada das cámaras de vídeo-vixilancia ilegais da zona vella. No seu escrito, o MpDC sostén que a súa denuncia constitúe unha solicitude de preservación da legalidade, e non unha simple petición como argumentaba o concello. De feito, a administración municipal escúdase neste tecnicismo legal, absolutamente falaz, para paralizar a retirada das cámaras; o recurso que presentou non recolle de feito ningunha evidencia documental nova e recoñece implicitamente as irregularidades na instalación dos dispositivos. O Movemento espera que o Tribunal Superior de Xustiza confirme a sentenza que ordenaba a retirada das cámaras, unha resolución sen precedentes no control da vídeo-vixilancia e un fito histórico na loita polo dereito á intimidade e á propia imaxe.

O recurso presentado polo Concello aférrase, como dicimos, a considerar a solicitude de retirada das cámaras presentada pola asociación como unha simple petición: deste xeito bastaríalle un simple acuse de recibo para arranxar a cuestión. Sen embargo, o dereito de petición regula só aqueles asuntos non fundamentados xuridicamente, que se acollen á discrecionalidade ou á graza da administración á que se dirixen. O Movemento polos Dereitos Civís facía algo moi distinto coa súa solicitude, reclamaba a preservación da legalidade e o respecto, neste caso, da lei 4/1997 que regula a instalación das videocámaras. O Tribunal Supremo xa criticou no seu momento a pretensión das administracións de “cualificar segundo a súa conveniencia a reclamación como dereito de petición, resolvendo o procedemento polo simple dato de acusar recibo”. Neste caso resulta case insultante a pretensión de despachar cun acuse de recibo a solicitude de pór fin coas irregularidades administrativas que estiveron e están a vulnerar os dereitos dos cidadáns.

Evidentes irregularidades e petición da execución provisional da sentenza
Porque, se algo demostrou a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Santiago que en setembro deste mesmo ano condenou ó concello, foi a ilegalidade da instalación das cámaras. O concello incorreu de feito en múltiples irregularidades durante o proceso: solicitou a pertinente autorización previa da Delegación só despois de colocar as cámaras, non instalou os correspondentes paneis informativos nin formalizou o libro de rexistro. Ademais, incumpriu sistematicamente todos os prazos previstos pola lei para a renovación anual das autorizacións. Non entramos sequera a considerar a evidente inadecuación das cámaras ós principios de proporcionalidade esixidos na Lei 4/1997 para a instalación dos dispositivos.

O Movemento polos Dereitos Civís espera que, perante o evidente contraste entre os propios argumentos e a pobreza do recurso presentado polo concello, no que non consta ningunha evidencia documental nova, o Tribunal Superior de Xustiza confirme a precedente sentenza. A retirada definitiva das cámaras na zona vella de Santiago suporía a confirmación dun precedente importantísimo no control da utilización da vídeo-vixilancia. O Movemento solicitou recentemente a execución provisional da sentenza, mentres non se coñece a decisión do TSXG, coa intención de poñer fin de inmediato á vulneración dos dereitos dos cidadáns. Sen embargo, o Concello de Santiago, no enésimo intento de frear a retirada das cámaras, solicitou no xulgado a presentación por parte da asociación dunha desproporcionada caución de 600.000 euros como garantía para a execución provisional

0 comentarios:

Publicar un comentario