Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

"A idea de que vivimos nun sistema perfecto fai esquecer que se vulneran os dereitos básicos"

Written By Virgulino on 19/11/08 | 11:04

Entrevista con Bieito Lobeira, deputado do BNG.

Recentemente presentou unha pregunta no Parlamento arredor da utilización das infraestruturas galegas nos voos ilegais da CIA. Como valora que o goberno español permitise estas “entregas especiais”?
Como en moitos outros ámbitos (económico, comercial, tecnolóxico, etc.), o Goberno español mantén unha alta dependencia dos Estados Unidos, de xeito significativo na política internacional e na Defensa. A recente adquisición pola Armada española de míseis Tomahawk é un exemplo. A escolla consciente e deliberada –histórica- do Goberno español como peón da política imperialista USA conleva como consecuencia feitos tan graves e condeábeis como as “entregas especiais”. Contodo, figura no prospecto do vasalo fidel e submiso, que é o que foi e segue a ser o Estado español fronte ao amo norteamericano.

Evitaría situacións como esta que o goberno galego tivese competencia en xestión aeroportuaria?
Eu penso que si. A posibilidade de contar con competencias en materia aeroportuaria e de xestión do espazo aéreo, é induvidábel que conlevaría maior control sobre o tránsito aéreo nos ceos galegos, e moito máis no uso das instalacións aeroportuarias. Na actualidade o espazo aéreo galego encóntrase fortemente militarizado: existen grandes áreas controladas directamente polo Exército do Ar español con restricións mesmo para voos comerciais e civís, na área de Ferrolterra (que mesmo dificulta a actividade de Alvedro), Rías Baixas e Golfo Ártabro. E isto, francamente, non é normal.

Que opinión lle merece o informe de Amnistía Internacional que acusa ao Estado español de incumprir as obrigas internacionais en materia de dereitos humanos?
Xa viña sendo hora. Lembro actuacións no pasado de Amnistía Internacional negando a consideración de presos políticos ou de conciencia aos insubmisos galegos encarcerados, tal e como solicitabamos formal e encarecidamente dende Galiza. Por outra banda, ven a pór en evidencia unha realidade, que ainda que ocultada ou censurada, existe. É moi perigosa a tendencia a recrear socialmente a visión, tan alegre como acrítica, de que vivimos nun sistema democrático perfeito. Esa percepción narcotiza ao pobo, e faino esquecer da vulneración e conculcación de dereitos democráticos e cívicos elementais que lamentabelmente ainda se dan.

Vostede tamén anunciou o pasado mes que o BNG continuaría “pelexando parlamentariamente” para esclarecer a persecución por parte das Forzas de Seguridade de elementos nacionalistas calificados “como sospeitosos”. Cales son as últimas noticias que teñen sobre este asunto?
Cónstame que existiron instrucións internas nesa dirección. Que por outra parte non son novidade. Probabelmente só a punta do iceberg. Temos coñecemento de actuacións de seguimento, escoitas telefónicas, etc., realizadas a persoas e colectivos sociais e políticos con absoluta “normalidade”. Foi o caso da Plataforma “Nunca Máis” durante o proceso de mobilización social vinculado á catástrofe do “Prestige”. Mais tamén con persoas fundamentalmente de orientación nacionalista, pertecentes ao BNG, CIG, Galiza Nova, etc. No caso quen os ocupa, é intolerábel a criminalización de elementos simbólicos propios do noso país (bandeiras nacionalistas, autocolante co “GZ”) asumidos por unha parte moi importante da sociedade galega. Ser nacionalista galego, ou posuir elementos simbólicos da nosa Patria non pode ser considerado como presunción de comportamentos contrarios aos principios democráticos. Ainda estamos a esperar pola explicación formal do Ministerio de Interior a este respecto.

Que lle parece as denuncias da existencia de expedientes policiais non declarados no concello de Sada? Sabía que o Concello de Compostela foi condenado por non facilitar o acceso a un expediente policial que contaba con datos psicolóxicos do afectado?
O caso de Sada é unha boa mostra da necesidade de exercer un control rigorosos sobre a actuación das forzas policiais. Lembremos casos como os de Vigo ou Compostela. A adopción de medidas que garantan a plena suxeición dos corpos policiais a actuacións democráticas, e eliminen os “excesos” é un obxectivo elemental. Mais en Sada tamén “desaparecen” os expedientes. Teño para min que o anterior alcalde de Sada ten moito a ver nesa aberrante conceición da Policía Municipal.

O MpDC reclama desde a súa creación un organismo independente que investigue a actuación irregular dos Corpos e Forzas de Seguridade. Neste sentido o MpDC presentou aos Grupo Parlamentarios unha proposta de Lei. Que lle parece esta reivindicación?
Parécenos ben. De feito, foi xa obxecto de presentación de diversas iniciativas parlamentares por parte do BNG, tendentes á aplicación na Galiza de protocolos internacionais, como a Convención para a Prevención da Tortura. Lamentabelmente, a correlación de forzas no Parlamento galego é a que é, e a sensibilidade das outras forzas políticas –PP e PSOE- presentes na Cámara neste tema, e sendo suaves, e máis ben escasa. É evidente nos debates que se xeran (sempre a iniciativa do BNG) sobre casos de cargas policiais, detencións ilegais, etc.

Considera que as organización que buscan velar polos dereitos dos cidadáns contan co apoio da administración? Sabía que non se encadran en ningunha liña de axuda?
A existencia destas organizacións sociais debera ser considerada como valor e garantía democrática, e en consecuencia ser apoiadas, que non tuteladas. O certo é que moitas liñas de axuda están concebidas como medio para controlar á sociedade e ás entidades. Parémonos a pensar, só por pór un exemplo, se as subvencións aos medios de comunicación outorgadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou a Secretaría Xeral de Comunicación producen un incremento no uso do noso idioma neses medios, ou se en realidade a finalidade non é outra que a de tecer “afinidades”, neste caso co PSOE.

As principais denuncias presentadas polo Movemento polos Dereitos Civís teñen que ver coa videovixiancia, a negativa da administración a facilitar o acceso a documentos públicos e as actuación policiais; como valora a situación destes asuntos e a súa relación cos dereitos civís?
A recente sentenza xudicial que lle dá a razón ao MpDC fronte ao Concello de Compostela precisamente en relación coa videovixilancia é unha moi boa noticia, ainda que só sexa unha anécdota en relación coa gravidade da situación. O actual sistema fundaméntase en boa parte na necesidade de manter un estrito control da sociedade e da información á que accede, a fin de facela máis vulnerábel aos ataques do propio sistema. Esa é a cuestión. O problema non radica en persoas obsesionadas –que as hai- nunha visión parapolicial da realidade social. A cuestión é que a degradación dos dereitos civís e democráticos, o retroceso no seu exercicio, é unha práctica inerente ás necesidades dun sistema económico, social e político inhumano, que precisa destes métodos para o seu fortalecemento.

Que pasou coa Carta de Dereitos Cidadáns? Fai tempo que non se escoita nada dela.
Pasa exactamente o mesmo que con outros anuncios do PSOE. Fica en nada. O BNG fixo o posíbel para incorporala no proceso de elaboración dun Estatuto de Nación para Galiza. Mais, como é coñecido, pasou o que pasou. Para nós, para o BNG, segue a ser obxectivo irrenunciábel.

Qué papel desenvolve a xustiza no respeto aos dereitos civís?

Un sistema xudicial que nega o dereito inalienábel de galegos e galegas a usaren e seren atendidos no seu propio idioma, é xa indicativo do nivel que ten. Cantas denuncias, cantas protestas se teñen realizado perante o poder xudicial como consecuencia de casos evidentes de maus tratos por parte de efectivos policiais, e logo fican no sobreseimento? Lamentabelmente penso que neste ámbito, e agás honrosas excepcións, o sistema xudicial non garante na actualidade os dereitos civís.

Por último, que pode achegar o seu partido político ao recoñecemento dos dereitos civís?
Penso que a práctica política, social e institucional do BNG ten posto en evidencia casos e situacións flagrantes. Que chegan, por exemplo, no ámbito electoral, á denuncia da dupla vara de medir dos dereitos cívicos (exercicio de voto) entre os mariñeiros galegos embarcados na frota de altura, que non poden votar, e emigrantes mortos e enterrados hai anos, que non só poden votar, senón que ademais votan. Desculpade a inmodestia, mais estou convencido de que o BNG, no actual mapa político galego, é a organización que presenta un defensa máis firme, constante e coerente dos dereitos civís na nosa sociedade. E isto fai ainda máis falta nunha nación, como a nosa, submetida politicamente, e portanto cos seus dereitos colectivos historicamente negados.

0 comentarios:

Publicar un comentario