Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Axencia Española de Protección de Datos sanciona ó Concello de A Coruña por irregularidades no uso de cámaras de vídeo-vixilancia

Written By Virgulino on 21/11/08 | 9:40

A Axencia Española de Protección de Datos comunicou nestes días a súa decisión de sancionar ó Concello de A Coruña por irregularidades no caso das cámaras de vídeo-vixilancia instaladas na estación de autobuses da cidade. En concreto, a AEPD considera probado que o concello creou un ficheiro de datos persoais e titularidade pública sen inscribilo no Rexistro Xeral de Protección de Datos, coa conseguinte ausencia das garantías para os dereitos e liberdades previstos pola Lei Orgánica de Protección de Datos.

O artigo 20 de dita lei esixe a inscrición dos ficheiros con anterioridade ó seu uso, especificando a finalidade dos mesmo, as súas modalidades de acceso e seguridade, e os procedementos de recollida dos datos. O Concello de A Coruña, sen embargo, non procedeu á inscrición do ficheiro ata máis de dous aos despois do primeiro uso do que se ten constancia.

A sanción imposta pola AEPD deriva da denuncia presentada no seu momento polo Movemento polos Dereitos Civís ante a instalación de cámaras de vídeo-vixilancia na estación de autobuses de A Coruña, unha instalación que segundo a asociación vulneraba o dereito á intimidade dos cidadáns e non se axustaba á normativa. De feito, o MpDC demostrou que as cámaras atopábanse xa instaladas tres meses antes de que a delegación do Goberno concedese a preceptiva autorización para o seu emprego. Como vimos comprobando nestes últimos tempos, trátase dunha práctica estendida entre as administracións locais galegas e na propia Delegación do goberno: solicitar e conceder a posteriori a autorización para a instalación e uso de cámaras de vixilancia, ignorando deste modo o procedemento previsto pola lei para tutelar os dereitos e liberdades civís.

Sorprendentemente, a AEPD desestimou a denuncia do Movemento e denegou polo de agora a petición de retirada das cámaras. O organismo sostén que o feito de que as cámaras estivesen instaladas antes de contar coa autorización pertinente non significa que fosen utilizadas ilegalmente. O Movemento polos Dereitos Civís manifesta a súa decepción ante esta interpretación dos feitos, que non fai senón lexitimar unha actuación prepotente, ilegal e lesiva dos dereitos fundamentais por parte das administracións. A asociación está preparando un recurso contra a decisión da AEPD, e valora a posibilidade de presentalo perante a propia institución ou en sede contencioso-administrativa.

Ó mesmo tempo, o MpDC acolle con satisfacción a constatación levada a cabo pola AEPD de que o Concello de A Coruña actuou de forma irregular no caso. Dende a asociación valórase a sanción como unha chamada de atención ós concellos galegos, a fin de que comecen a respectar a normativa que regula o uso das cámaras de vídeo-vixilania e opten preferiblemente por medidas de seguridade menos lesivas para os dereitos dos seus veciños.

0 comentarios:

Publicar un comentario