Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Oito de cada dez galegos considera que a administración da Xustiza “vai moi lenta”

Written By Virgulino on 16/10/08 | 12:26

Unha enquisa elaborada polo Movemento polos Dereitos Civís revela que máis da metade dos enquisados cre que os xuíces tenden a favorecer ás institucións públicas fronte ao cidadán

O 64,3% da cidadanía considera que é “dífici”l acceder á información das Administracións Públicas e reclama unha nova lei nesta materia

O 84,2% opina que se debería sancionar aos Concellos que instalaron cámaras de vídeovixilancia sen contar coa autorización da Delegación do Goberno


Oito de cada dez galegos e galegas opina que a administración da Xustiza "vai moi lenta" na resolución dos procesos, segundo revela a enquisa elaborada polo Movemento polos Dereitos Civís "A situación dos dereitos civís na Galiza, que esta mañá presentou o voceiro da asociación, Renato Núñez da Silva. Do resultado tamén se tira que tan só o 8,9% dos enquisados opina que a Xustiza "non se retrasa, é normal que lles leve tempo". Os resultados do estudo, que forman parte do segundo bloque da enquisa, amosan a percepción que os cidadáns teñen sobre as súas relacións coas Administración Públicas e a transparencia das institucións e a confianza que lle merecen.

Entre as preguntas practicadas, os entrevistados tiveron a oportunidade de amosar a súa percepción a respecto da igualdade de trato outorgado por parte dos xuíces aos cidadáns e á Administración, ao que máis da metade das persoas asegurou que, nun preito entre ambos, a Xustiza tende a favorecer ás entidades públicas en detrimento dos particulares. Como curiosidade, pódese destacar que esta porcentaxe increméntase no ámbito rural, onde a desconfianza de cara a actuación xudicial acada o 64,6%.


Acceso á información


Seis de cada dez galegos e galegas consideran unha tarefa dificultosa acceder á información das Administracións Públicas, e as facilidades que atopan á hora de exercer os seus dereitos, xa que, do total de entrevistados, o 64,3% opinaron que o acceso á información presenta dificultades. Destes, o 40,7% considera que "é bastante difícil", mentres que o 23,6% opina que é moi difícil".

O MpDC vén denunciando dende hai anos a falla de colaboración das Administracións públicas á hora de permitir ou facilitar o exercicio do dereito de acceso, un dereito fundamental recollido na Constitución española é que, en moitos casos, vese conculcado pola falla de resposta das institucións. O voceiro do colectivo, Renato Núñez recordou que o colectivo ten presentado aos distintos grupos políticos unha lei cuxa finalidade é facilitar o acceso por parte dos cidadáns á información en poder da Administración. A este respecto, cabe destacar que o 81,1% de todas as persoas entrevistadas cre necesaria a aprobación dunha nova normativa destinada a este fin, mentres que tan só un 6,75 dos enquisador considerou a proposta de "innecesaria".

Normativas conflitivas

Outro dos aspectos que foron sometidos a cuestión estiveron relacionados con dúas directivas europeas que veñen xerando unha forte crítica social: a ampliación da xornada laboral ata as 65 horas semanais e a retención de inmigrantes “sen papeis” durante un máximo de 18 meses. No que respecta á primeira cuestión, a resposta foi ben clara: o 77,3% dos enquisados ten unha opinión negativa da mesma. Deles, un 30,2% valórana “negativamente” e un 47,1% considérana “moi negativa”. Das mil persoas entrevistadas o pasado mes de setembro, tan só o 13,9% considera que a medida dun xeito positivo.

Pola súa banda, 86,4% dos entrevistados considera inxusto que se poida reter durante 18 meses aos inmigrantes "sen papeis" sen ter cometido outro delito que non ter a documentación "en regra". O rexeitamento nesta normativa foi máis intenso se cabe que no referente á ampliación da xornada laboral. De feito, case seis de cada dez entrevistados cualifican esta directiva de moi inxusto.

Sancións aos Concellos

Outra das cuestións tratadas referiuse a instalación de cámaras de xeito ilegal por parte dos Concellos. En concreto, preguntóuselle aos enquisados sobre se consideran que se debería penalizar ás entidades que colocan dispositivos nos seus municipios sen dispor da autorización correspondente da Delegación do Goberno ou se non é precisa tal sanción. O 84,2% dos consultados respondeu que se eles como cidadáns fixeran algo sen licenza tamén os sancionarían, e, polo tanto, os concellos "deben recibir o mesmo trato" perante a lei.

Este dato contrasta coa resposta dada no caso das cámaras instaladas en determinadas zonas para evitar que se producisen "botellóns" e que ao longo do tempo demostraron ser ineficaces. Neste caso, a polémica queda aberta e o número de detractores e defensores desta medida resulta practicamente o mesmo, o que da conta de como a xente se está a acostumar a vivir rodeado de dispositivos de vídeovixilancia sen ter en conta que os seus dereitos fundamentais poden verse vulnerados e da falla de información por parte das administracións sobre o funcionamento destes sistemas.

0 comentarios:

Publicar un comentario