A taxa de poboación reclusa no Estado español atópase moi por riba da media da UE, a pese de ser un dos lugares “máis seguros de Europa”
Recentemente foi presentado no Senado unha iniciativa que anima ao goberno español a iniciar unha análise do sistema penitenciario e buscar unha solución ao problema da saturación que se está a padecer en todas as cárceres do Estado. A iniciativa destaca que o Estado español é o que maior número de presos por habitante rexistra dentro da Unión Europea, chegando a acadarse unha media de 150 reclusos por cada 100.000 habitantes, unha cifra que supera con moito a media dos 90 presos por 100.000 habitantes. Os datos contrastan co feito de que o Estado español é, en palabras do Ministro do Interior, un dos “máis seguros de Europa” e dos que menos delitos rexistra, cunha taxa por debaixo da media europea.
E aínda así, o réxime penitenciario está sufrindo verdadeiros problemas de masificación e saturación constantemente denunciados por ONG´s e mesmo pola responsable gobernamental de prisións, Mercedes Gallizo. Segundo os expertos na materia, este aumento da poboación reclusa debeuse ás modificacións do Código Penal que amplían os anos de prisión para os delitos considerados non graves, ao abuso da prisión preventiva e á falla de execución de medidas alternativas ás rexas. Este feito baséase no reforza da idea das cárceres como lugares de castigo nos que recluír as persoas que cometeron faltas tipificadas como delitos (sen valorar o grao de gravidade do mesmo, máis que polos anos de condena) e non en centros nos que levar a cabo unha labor de reinserción social, que debería ser o obxectivo básico do sistema penitenciario.
Un dos requisitos necesarios para acadar un modelo destinado á reinserción social pasaría por estender o sistema de réxime aberto, ou de semiliberdade, previsto no Regulamento Penitenciario, que permite aos internos desenvolver unha actividade laboral fóra da prisión. Mecanismo este que permite afondar na reinserción socio laboral do preso. De igual xeito, promover a execución efectiva de traballos comunitarios, tamén previstos no regulamento, evitaría a permanencia do recluso no establecemento penitenciario, ao tempo que promove a creación de condutas sociais “favorables”.
Entender o modelo penitenciario como unha encarcelación das persoas impide aquilo para o que foron creados este tipo de establecementos: a reinserción social. Tal é o caso, que en moitas ocasións a falta de medidas destinadas á reinserción promoven un carácter e actitude delituosa por parte do preso, quen rematará converténdose nun visitante asiduo do cárcere.
A ampliación e dureza das penas de prisión para aqueles delitos considerados non graves xa quedou demostrado que non evita que estes se continúen cometendo. Fomentar a educación, prevención e a intervención social naqueles ámbitos onde se poden producir de xeito máis doado condutas delictivas, sen caer en prexuízos socioeconómicos, é preferible a converter as cárceres en lugares de castigo deshumanizadas. Por esta razón, dende o MpDC avógase pola reforma dun sistema penitenciario masificado, que non garante unhas condicións de dignidade mínimas nin facilita a reinserción dos presos na sociedade.
O MpDC apoia o desenvolvemento dun modelo penitenciario que prime a reinserción social fronte ao castigo
Written By Virgulino on 11/10/08 | 8:00
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentarios:
iso é puntualizable. Lembremos que se di que 1/3 dos detidos están no caldeiro de xeito "preventivo:" Lembremos o caso de Uxio que leva xa vai por 3 anos no cárcere sen que o xuzguen nin presenten cargos contra el
Publicar un comentario