Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento polos Dereitos Civís amósase escéptico perante a nova Comisión Especial de Queixas e Suxestións do concello de Santiago

Written By Virgulino on 31/10/08 | 13:03

O Movemento polos Dereitos Civís manifesta o seu escepticismo ante a creación da Comisión Especial de Queixas e Suxestións no concello de Santiago, que actuará aparentemente coma unha especie de figura de Valedor do cidadán en Compostela. A asociación considera innecesaria, gravosa e paradoxal a iniciativa do alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, e da concelleira delegada de Réxime Interior, Persoal e Reforma Administrativa, Rosa Fernández. A creación dunha nova comisión de competencias difusas, dubidosa independencia e nulos efectos prácticos non semella a solución idónea para mellorar relacións entre a alcaldía e os cidadáns. O MpDC suxire en troques ó alcalde que centre os seus esforzos no respecto da legalidade vixente, na mellora da accesibilidade dos cidadáns ás institucións e no fomento de figuras análogas xa existentes pero moi desprestixiadas.

Unha institución semellante á comisión, coma podería ser a do Valedor do cidadán, existe xa noutras cidades do estado, e foi adoptada por primeira vez en Galicia polo Concello de Vigo no 2002. Aínda que o seu cometido sería defender os intereses dos veciños, supervisando a labor da administración municipal, de feito a efectividade e independencia do seu traballo está fortemente cuestionada. Cómpre só recordar as recentes violacións dos dereitos dos cidadáns por parte do mesmo alcalde da cidade de Vigo nun pleno municipal para comprender que esta figura non garante nalgún modo unha maior transparencia e legalidade nas actuacións institucionais. No caso de Santiago, a creación desta comisión semella ante todo unha manobra política do alcalde encamiñada a proporcionar unha aparente sensación de transparencia e accesibilidade.

O Movemento polos Dereitos Civís acolle con agrado tódalas iniciativas reais que dun xeito efectivo velen polo respecto dos dereitos e liberdades dos veciños, e recibiría xa que logo con maior satisfacción o compromiso do alcalde de respectar no futuro a legalidade, en aspectos tales coma o libre acceso ós plenos ou a instalación de dispositivos de videovixilancia. Por outra banda, a pretensión de independencia dunha comisión controlada politicamente resulta máis paradoxal aínda se temos en conta a escasa confianza depositada pola cidadanía no actual Valedor do Pobo. Recordemos que segundo unha recente enquisa do MpDC apenas o 29% dos galegos confiaba na imparcialidade do Valedor no exercicio das súas labores.

0 comentarios:

Publicar un comentario