Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O concello de Vigo veta a entrada de veciños a unha sesión plenaria da corporación

Written By Virgulino on 27/10/08 | 16:48

O concello de Vigo, incumprindo coa lexislación vixente, prohibiu de maneira preventiva o acceso dalgúns dos afectados pola depuradora de Lagares a unha sesión plenaria da corporación. Loli Pazó, representante dos veciños, denunciou a existencia dunha lista negra na que constaban os nomes dos cidadáns que participaran nunha concentración anterior, ós que non se lles permitiu a asistencia a unha sesión aberta ó público. Ademais, os afectados que puideron acceder ó pleno foron sometidos a unha serie de intolerábeis rexistros e controis. Despois de expoñer a súa situación diante dos representantes municipais e de entregarlles un informe, os veciños dirixíronse a un xulgado de guardia para denunciar o impedimento do acceso dalgúns deles ó pleno.


Diante destes feitos, o Movemento polos Dereitos Civís vése na obriga de recordar que a lei protexe o dereito de calquera cidadán a asistir a un pleno municipal, no respecto do principio de publicidade. Só en casos extremos o alcalde podería expulsar ós cidadáns que perturbasen as sesións, mais en ningún caso restrinxir a publicidade das mesmas de xeito preventivo ou baseándose en suposicións, prexuízos e moito menos en “listas negras”. O Defensor del Pueblo censurara xa hai un ano a decisión análoga do alcalde de Santiago, denunciada polo MpDC, de impedir a asistencia ás sesións plenarias de varias traballadoras da limpeza, e reiterara “o libre acceso a ditas sesión no exercicio do dereito fundamental que o artigo 23.1 da Constitución recoñece a todos cidadáns a participar nos asuntos públicos”.

Non é tampouco a primeira vez que no Concello de Vigo se impide ós veciños a asistencia ás sesións plenarias. En decembro do ano pasado, en medio de protestas veciñais e mobilizacións, o Concello aprobou o PXOM nunha sesión na que se impediu a entrada dun importante número de manifestantes. Nese día, a Policía local chegou mesmo a realizar fotografías dos concentrados, se ben o concelleiro delegado de Seguridade aduciu que as cámaras (dixitais) non tiñan carrete.

Os veciños protestaban hoxe polos problemas que sofren dende hai anos debido ó mal funcionamento da depuradora e pola negativa do alcalde a recibilos. Os afectados consideran que o plan para a instalación dunha nova depuradora non rematará co problema, senón que podería agravar a situación. Denuncian que o plan non respecta os límites de seguridade coas vivendas da zona e solicitan que se atope unha localización alternativa.

0 comentarios:

Publicar un comentario