Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Presidencia considera que os corpos de seguridade teñen un pleno compromiso co galego

Written By Virgulino on 23/7/08 | 13:56

A Consellería de Presidencia considera que os Corpos e Forzas de Seguridade que actúan na Galiza teñen un pleno compromiso coa lingua galega, segundo se informou dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), en resposta a unha pregunta parlamentaria. Dende a Secretaría considérase que se “ten constancia plena do máximo compromiso dos corpos e forzas de seguridade do Estado co proceso de normalización lingüística da lingua galega. (...) Unha mostra dese compromiso é a súa total implicación en actividades como o libro “En galego, con toda seguridade”, ou a difusión dos relatos policiais contidos na publicación “Corpos de agardar”, nas dependencias galegas de ambos os dous corpos (Policía Nacional e Garda Civil), entre outras”.

A este respecto habería que lembrar á Consellería de Presidencia e ao organismo responsable das políticas lingüísticas os casos padecidos por galegos que viron vulnerados os seu dereitos lingüísticos ao dirixirse a algún destes dous corpos. Como foi o da veciña de Cerceda que acudiu ás dependencias da Garda Civil para presentar unha denuncia contra os verquidos de lixo de Sogama e se atopou cun axente que lle esixía dirixirse a el en castelán ou o do rapaz que foi identificado por participar nunha concentración en Pontevedra a prol do uso do galego e que sufriu un trato vexatorio e a burla por parte dos policiais por usar o noso idioma.

Para a SXPL estes feitos explícanse porque o “proceso de normalización do idioma galega está en marcha en ambos os corpos, coa máxima implicación e o total apoio dos seus máximos responsables en Galicia. O feito de que “estea en marcha” é a causa explicativa principal de que existan os desaxustes, e só cando o proceso estea totalmente concluído tales circunstancias non poderán darse”. A pregunta que nos facemos dende o Movemento polos Dereitos Civís é canto tempo se tardará en lograr a completa normalización e que medidas se adoptarán ata entón para evitar que se produzan casos semellantes e poder garantir aos cidadáns o seu pleno dereito a utilizar o galego en calquera circunstancia e a ser atendidos na súa lingua materna. Así mesmo, tamén sería de interese coñecer que medidas se están tomando contra os membros dos corpos de seguridade que vulneran os dereitos lingüísticos dos cidadáns (un punto que non se aclara no escrito ao Parlamento) e que semella que quedan impunes.

1 comentarios:

Anonymous dijo...

interesante noticia: http://www.elmundo.es/elmundo/2007/12/09/internacional/1197171410.html?a=b5a490cac5eb6ca04d5f69c3e34fd968&t=1197203690

Publicar un comentario