Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Valedor do Pobo solicitará nova información ao Concello do Grove pola instalación das cámaras

Written By Virgulino on 9/7/08 | 12:53

O Valedor do Pobo vaise dirixir novamente ao Concello do Grove para solicitar o correspondente informe sobre a instalación das cámaras de videovixilancia. Así o comunicou nun escrito a institución ao Movemento polos Dereitos Civís, logo de que o goberno local aprobase a creación dos ficheiros das cámaras instaladas na Casa da Cultura e no colexio Rosalía de Castro.

A institución galega xa se dirixira nunha ocasión á entidade municipal para reclamar información sobre a colocación de cámaras na carpa da Festa do Marisco, aínda que, á vista dos novos feitos, vai reclamar documentación complementaria para estudar a legalidade da instalación das novas cámaras e tomar medidas en consecuencia.

Pola súa banda, a Delegación do Goberno informou de que estas cámaras deberán estar instaladas e controladas por unha empresa de seguridade con persoal especializado, o que supón un importante desembolso por parte do Concello, que podería ser empregado na posta en marcha de medidas de eficacia probada para garantir a seguridade e cun custe moi inferior para as arcas municipais.

A instalación de cámaras de videovixilancia en Galiza estase estendendo en todos os Concello a pesar de que a súa eficacia non está demostrada, e mesmo se teñen amosado completamente inútiles para tarefas de seguridade cidadá. Non obstante, supoñen un sistema altamente intrusivo na vida privada das persoas, pois na meirande parte dos casos, a instalación realízase sen as garantías xurídicas correspondentes e sen contar coa autorización debida da Delegación ou a comunicación á Axencia española de Protección de Datos.

Perante esta comunicación do Valedor, o MpDC quere animar unha vez máis ao Concello do Grove a retirar as cámaras, buscar medidas alternativas, menos intrusivas e cuxa eficacia resulte máis probada, pois como ente administrador debe ofrecer respostas efectivas aos cidadáns e debe gardar a máis estrita rigorosidade co respecto aos dereitos dos seus administrados e o cumprimento da lexislación vixente.

0 comentarios:

Publicar un comentario