Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Inspección de Persoal iniciará unha investigación interna polos feitos do 6 de decembro en Vigo

Written By Virgulino on 11/7/08 | 15:56

Dereitos Civís trasladou unha queixa á Secretaría do Estado de Seguridade na que se reclamaba a análise da carga que tivo lugar diante do edificio da Policía Nacional

A Secretaría do Estado de Seguridade vén de comunicar ao Movemento polos Dereitos Civís que vai iniciar unha investigación interna para esclarecer os feitos ocorridos o 6 de decembro diante das dependencias da Policía Nacional de Vigo. A asociación trasladara un escrito á Subdirección de Inspección de Persoal e Servizos de Seguridade do Ministerio do Interior solicitando unha investigación da carga que tivo lugar ese día contra un grupo de persoas que se concentraron diante da comisaría para reclamar a liberación dos compañeiros retidos por “Inxurias ao rei”.

A asociación lembrou ao órgano estatal que a convocatoria non representou ningún risco nin para os participantes nin para os axentes que custodiaban o recinto policial. Así mesmo recordou que o día anterior (5 de decembro de 2007) tivera lugar en Madrid unha concentración convocada contra os atentados terroristas, na que decenas de persoas pronunciaron insultos e atacaron tanto o grupo de goberno como o Presidente sen que por este motivo se ordenase utilizar a violencia policial contra os manifestantes para disuadilos dos seus actos.

Non obstante, Inspección aclara que o resultado da investigación non poderá ser comunicada xa que se trata dun procedemento interno. Polo cal non saberemos se se tomaron medidas, nin cal foi a resolución adoptada tras a pescuda.

A resposta da Delegación
A resposta da Inspección contrasta coa contestación remitida pola Delegación do Goberno noutro escrito hai un par de meses. No documento, a institución continúa insistindo na súa versión sobre os feitos ocorridos diante da sé da Policía Nacional de Vigo o pasado 6 de decembro. Segundo a institución dirixida por Manuel Ameijeiras, as persoas concentradas diante da comisaría para protestar contra a detención duns compañeiros proferiron insultos e lanzaron obxectos contra o edificio, momento no que, supostamente se produciron lesións a un axente da policía. Este feito foi a orixe da denuncia contra sete mozos implicados, aínda que durante o proceso xudicial non se puido demostrar a existencia de tais accións, e menos aínda a agresión a un membro das Forzas de Seguranza. Non obstante, a Delegación teima en manter a súa versión inicial e nun escrito trasladado ao Movemento polos Dereitos Civís asegura que naquel día tivo lugar a agresión.

0 comentarios:

Publicar un comentario