Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís critica a actitude dos gardas forestais que prohiben o acceso dos cidadáns aos montes

Written By Virgulino on 7/7/08 | 10:17

O Movemento polos Dereitos Civís advirte que a actitude que están levando a cabo as forzas de seguridade encargadas de controlar os montes galegos supoñen un exceso de celo que está impedindo a realización de deportes e o goce do monte por parte da cidadanía; feito que vulnera a libre circulación das persoas, dereito recollido na Constitución do Estado español.

O MpDC tivo coñecemento de varias queixas presentadas en Concellos contra axentes por prohibir o tránsito polos montes aos veciños dos lugares, o paseo de persoas maiores ou a realización de deportes por mozos; unha medida que non vai impedir a actuación de posibles incendiarios, e pola contra limita os dereitos dos cidadáns.

A asociación respecta e comparte a súa función de vixilancia, pero lembra que as medidas de prevención dos lumes non son escusa para prohibir aos galegos e as galegas que así o desexen gozar dos montes, nin impedir aos donos dos mesmos visitar as súas propiedades. Por este motivo, o MpDC agarda que a Delegación do Goberno tome medidas e recapacite sobre as súas decisións e permita aos galegos e galegas recrearse na riqueza natural da Galiza.

0 comentarios:

Publicar un comentario